“María do Cebreiro, cando os cambios se convirten en poesía”

Entrevista María do Cebreiroa María do Cebreiro en BuscandoaNessie, por Beatriz Gutiérrez Caneda:
“(…) – BuscandoaNessie (B): Cal cres que foi a obra que mellor acollida tivo por parte da crítica?
– María do Cebreiro (MC): Bueno, eu tiven a sorte e a desgraza de ter un primeiro libro moi sonado. O estadio do espello foi un libro que naquel momento chamou moito a atención. Probablemente de tódalas miñas obras é a que ten igual máis reseñas. Non estou segura, falo de memoria. Pero é unha obra que tivo unha acollida crítica eu creo que clamorosa e a min iso afogoume un pouco. Afogoume un pouco naquel momento. Non moito pero tiven, mira, antes falábache de que tampouco pasaría nada se deixase de escribir porque eu daquela estiven do 98 que saíu a obra ao 2002 que foi cando gañara o accésit do Esquío con Nós, as inadaptadas, non é moito pero son tres anos, tres, catro sen publicar. E despois os ritmos sempre foron máis curtos. E eu creo que foi por iso. Foi porque para min resultou unha experiencia un pouco abrumadora. (…) hai unha parte de min que claro que se sentiu moi contenta de que ese libro tivese esa resposta pero logo outra parte de min… Por iso sempre pensei na responsabilidade que temos como escritores e como críticos coas persoas que empezan a escribir. Eu creo que hai que ser moi coidadoso porque é moi sensible… (…)
– B: Podemos dicir entón que escribes cando algo te inspira?
– MC: Si e non. A ver, tamén o mito da inspiración tamén é certo que ten moi mala fama e (…) parece que agora se leva máis dicir que en realidade non é a inspiración que é o traballo. E eu aí tamén son un pouco discordante. Eu non creo na inspiración en estado puro, é dicir, para que haxa iso que chamamos inspiración antes ten que haber moito traballo invisible e eu penso que é un traballo do que ás veces un non é consciente. Ó mellor é un traballo consistente en que un leu, en que un pensou, en que un sentiu e a túa cabeciña vai procesando iso e de repente un día sae. Sae nun chorro, nun fluxo. Porque a verdade é que si son moito de escritura rápida e bastante torrencial. A min os poemas case me veñen xa como quedan. Sei que hai outras maneiras de escribilos igual de lexítimas e con resultados seguramente mellores pero o meu modo é moi ese.
– B: Ese momento no que sae todo iso, podemos consideralo logo como algo provocado pola inspiración?
– MC: Si, esa torrenteira ó mellor si podo velo como algo de inspiración. Se a pregunta é o que hai detrás dos procesos de escrita, para min si que é certo que o que soe haber detrás é movementos da vida, cambios da vida. (…) O último libro que escribín foi como froito dun accidente que me tivo na casa seis meses. (…) estiven moito tempo inmobilizada entón foi de novo unha experiencia límite que che fai ter como que agarrarte ás palabras para darlle sentido e para reconfigurarte. Ás veces pode ser un amor, pode ser unha experiencia dun namoramento, o que dispara algo como un cambio… Eu sempre o vexo como experiencias límite nalgún sentido. Experiencias que te descolocan, que te cambian de onde ti estás e entón te agarras á linguaxe para darlles forma.
– B: Aínda que o “eu poético” non sexa unha voz autobiográfica, ao escribir poesía involúcraste máis no que escribes? Se é así, cústache dar a coñecer as túas obras poéticas?
– MC: Pois a ver, dis dúas cousas nas que estou bastante de acordo. Tamén é verdade que o consenso máis aceptado, e nos nas nosas clases en filoloxía sempre llo dicimos, é que non hai que confundir o “eu lírico” co do autor, é unha insistencia que temos nós. Pero logo, non hai que esquecer que a poesía, sobre todo dende o XIX está moi ligada á emotividade e ademais é como é lida. (…) Eu podo dicir que non ten nada que ver pero hai aí un pacto de lectura que fai que a xente vaia sentir que eu estou hai de algunha maneira. E eu xa non escapo diso. Igual escapaba cando empecei a escribir, agora non. Agora vou máis a corpo descuberto e ademais confírmoche que si, que na miña escritura, sobre todo na última hai moito xogo co autobiográfico. E un xogo asumido, e si, a min cústame porque ademais son unha persoa que igual que son aberta a moitos niveis tamén me considero pudorosa e reservada noutros, nos que ó mellor para min son máis esenciais ou me poñen máis en xogo. Pero asúmoo como parte do risco que temos que correr. (…)”