Entrevista a Marcos Calveiro en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Lembra cando escoitou falar por primeira vez de Domingo Fontán?
– Marcos Calveiro (MC): Claro. A primeira nova que teño de Fontán é a través doutro libro. De Otero Pedrayo, evidentemente. Ao final de Arredor de si o tío de Adrián Solovio pídelle que lle leve ao leito de morte a Carta Xeométrica de Galicia, de Fontán, e iso fai que todo cobre sentido. A min a novela non é que me gustase moito, aínda que soe a herexía, pero si que quedei coa historia do mapa. E dende aí levo con el na cabeza. Practicamente dende a adolescencia.
– DP: Por iso escribiu o libro?
– MC: Converteuse nunha teima. Cada dato que atopaba íao gardando primeiro nunha carpetiña e despois no ordenador persoal. É unha historia da que levo detrás 30 anos. Porque ademais o mapa de Fontán é un elemento moi simbólico da cultura galega, aínda que moi pouca xente sabe del. É unha figura medio esquecida, aínda que estea no Panteón de Galegos Ilustres con Rosalía e Castelao. Pero para a xeración Nós si que foi alguén moi importante, el e a idea de poñerlle rostro ao país. Otero Pedrayo, Cunqueiro, Castelao… todos falaban do mapa de Fontán. (…)
– DP: A novela, máis alá dunha biografía ficcionada de Domingo Fontán, é un retrato dun tempo polo que van desfilando dende Voltaire a Godoy pasando por Napoleón e Fernando VII.
– MC: É que todo iso me parecía moi interesante. A medición do meridiano foi unha das aventuras científicas máis importantes do século XIX. Falamos de xente que marchaba para a selva que se tiraba alí non sei cantos anos intentando medir o meridiano do Perú. Xa me dirás se eran ou non uns tipos alucinantes. Tiñan moito de científicos, pero outro tanto de aventureiros. Quero dicir que naquel momento a ciencia ocupaba as cubertas dos xornais. Había unha verdadeira carreira entre as nacións europeas por ver quen era quen de medir o meridiano ou coñecer a forma da Terra, entre outras cousas. E aí estaban varios científicos galegos polo medio. Iso é algo extraordinario porque a maioría da xente pode pensar que Galicia era naquel momento un sitio illado, abandonado, inculto e ignorante e non é certo. Todo o contrario. Hai un grupo de científicos da Universidade de Santiago de Compostela que ten contacto directo co mellor da ciencia europea sen pasar por Madrid. Collían un barco na Coruña e acababan en La Havre, en Francia. Xosé Rodríguez, o mestre de Fontán, é un tipo que se cartea co mellor da ciencia europea, que visita as mellores universidades francesas, alemás e inglesas, e que merca os primeiros instrumentais xeográficos e topográficos para a Universidade de Santiago. (…)”