Estado da edición en galego en 2014, por Manuel Bragado

DesdeManuel Bragado Brétemas, de Manuel Bragado:
“Dediquei os días pasados a revisar en profundidade os datos da edición en galego publicados no informe do Comercio Interior do Libro do ano 2014. Un exercicio no que chama a atención o feito de que por vez primeira nos últimos anos, repuntase o número de títulos publicados até os 1.881 títulos (1.332 publicados en Galicia, 492 en Madrid e 57 en Cataluña). Cifras que, paradoxicamente, expresan que se reduciu até o 70,8 % a edición en Galicia do libro galego, así como se produciu unha lixeira redución do número de títulos (1,04 %). En definitiva, sube a edición en galego grazas ao que se edita fóra de Galicia. No entanto, prodúcese un importante aumento do número de exemplares fabricados que chega aos 2.379.000, un incremento do 32,24 %, que leva a que a tirada media en 2014 se incrementase até 1.772. Sen dúbida, un efecto directo sobre o sector da renovación de libros de texto ao abeiro da reforma LOMCE, como tamén outro é que o catálogo do libro en galego acadase en 2014 os 12.861 títulos, o que supón un incremento do 13,49 % con respecto ao de 2013 (11.332). (…)
No ano 2014 reduciuse lixeiramente o número de títulos da edición literaria en galego (355), incrementándose, porén, o número de exemplares (282.000) e tirada media (794). Diminuíu moi lixeiramente a facturación (2,42 millóns de €), que representa o 11,50 % das vendas do libro en galego. Se facemos a comparación con 2011 (399 títulos, 509 mil exemplares, unha tirada media de 1.573 e unha facturación de 2,84 millóns de €), acentúanse a tendencia negativa. Xaora, o libro literario en galego mantivo neste periodo a súa diversidade de edición e facturación, a costa de reducir o seu volume de edición e a tirada media arredor do 50 %.
No ano 2014 a edición de poesía e teatro incrementou a súa edición até os 62 títulos, incrementando tamén o seu número de exemplares (2,8 % do total do sector) e a súa facturación (250.000 €). A edición de ensaio e estudos literarios baixou con respecto ao ano anterior até os 54 títulos, sendo a súa tirada media de 600 exemplares e a súa facturación de 190.00 €.
No que atinxe á edición de novela, o mercado privilexiado da edición literaria en galego, en 2014 editáronse en galego 239 novelas, o 17,30 % do total da edición; fabricáronse 183.000 exemplares, o 7,70 % do volumen total, o que supuxo unha tirada media de 794 exemplares; facturándose 2,43 millóns de €, o 11,50 % das vendas anuais. En definitiva, a novela que supuxo en 2014 o 67,32 % dos titulos literarios en galego, e o 20,40 % do total do catálogo galego, mantén a tendencia xeral de redución do volume de fabricación e de tiradas medias como estratexia dos editores para asegurar a diversidade da edición e a súa cifra de facturación. Un fenómeno facilitado polos actuais procedementos de impresión dixital e de baixa tirada que permiten realizar tiradas inferiores aos 400 exemplares a prezos asequibles. (…)
No ano 2014 a edición infantil en xuvenil aumentou até o 495 títulos (o 35, 30 % do total); fabricáronse 438.000 exemplares, o 18, 40 % total; e facturou 4,35 millóns de euros, o 20,70 % do total. Se a comparamos cos datos do anao anterior, o número de títulos publicados medrou nun 24 %, o de exemplares baixou o 3,70 %, sendo a facturación case idéntica. Cifras que amosan unha aceptable saúde da edición infantil en galego no entorno da crise do sector. (…)”