Carlos Seijo: “Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas”

Entrevista Xosé-Neira-Vilas-150x150de Montse Dopico a Carlos Seijo en Praza:
Xosé Neira Vilas foi entrevistado moitas veces na súa casa de Gres. E non era difícil xa non empatizar con el, senón ficar prendado da súa xenerosidade. Mais o equipo do documental O espantallo amigo, dirixido por Carlos Seijo, quixo ir máis alá. Captar, nunha metáfora, a “esencia” do personaxe ou, máis ben, do creador e da persoa. E atopárona nun espantallo que quere ser amigo de todo o mundo. Tamén dos animais que van comer as froitas das árbores. E que quere, sempre, ser útil aos demais.
– Praza (P): Foi iniciativa de Neira Vilas ou vosa?
– Carlos Seijo (CS): O proxecto xurdiu un pouco da convivencia con el, do encontro con el, que partira da iniciativa de xente da súa contorna. Nun principio a idea era gravalo e entrevistalo. Pero xa estando con el o que tentamos foi buscar a súa esencia. Xa tiña moitas entrevistas feitas na súa casa, polo que o que nós queriamos era iso: buscar a esencia de Neira Vilas. Que non é fácil, porque é unha persoa cun gran percorrido vital e creativo. Así que, como capturar a esencia de alguén tan inmenso? Pensamos que coa metáfora. E repasando a súa bibliografía reparamos en Espantallo amigo, porque detrás dese personaxe está Neira Vilas. É un personaxe que está por enriba do seu dogma, que é escorrentar os animais. É un espantallo conciliador, amigo de todos os animais. Pois así era Neira Vilas. Unha persoa amiga de todo o mundo, por enriba dos seus dogmas. (…)
– P: Iso pode ter máis lecturas. Coma moitos outros emigrantes que fixeran moito pola cultura galega, volveu a Galicia sen nada. Outros tiveron menos sorte e pasárono realmente mal, porque este país é así e ninguén lles botou unha man.
– CS: Penso que niso foi elemental o seu don de xentes. El tiña esa capacidade de ser amigo de todo o mundo. O que teño claro é que tivo o control da súa vida en cada momento. El chamábame para dicirme que podía facer tal cousa ou tal outra no documental… Os artistas moitas veces teñen a tendencia a recollerse na súa esfera de creatividade e esquecer o demais, pero el non. E claro que existe esa historia negra do artista que quedou sen nada. Pero non era o seu caso por esa capacidade que tiña. El estivera en Cuba e participara da revolución, pero aquí tiña moi bos amigos que eran alcaldes do PP… Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas. (…)
– P: “En galego síntome libre”, di.
– CS: Gústame esa parte. Di iso e abre as mans. E nós poñemos despois o espantallo cos brazos abertos. Quedou moi coreográfico… O galego é a súa lingua nai, algo nuclear para el. Emigrou pero mantivo un vínculo fortísimo coa lingua. Nunca deixou de lado o galego, pois seguiu sendo o centro da súa creación. (…)”