Santiago Cortegoso: “Raclette é un mosaico humano no que os universos dos personaxes forman unha panorámica da sociedade actual”

Entrevista Santiago Cortegoso por Ibuprofeno Teatrode Alberto Ramos a Santiago Cortegoso en Praza (a foto do autor é de Ibuprofeno Teatro):
“Ibuprofeno Teatro vén de estrear Raclette, obra de Santiago Cortegoso galardoada no 2014 co Premio Álvaro Cunqueiro. Nesta montaxe -na que participan os intérpretes Marián Bañobre, Iria Sobrado, Salvador del Río, Deborah Vukusic e Toni Salgado-, Cortegoso ofrécenos dúas tramas paralelas ao redor dunha única mesa. Dúas historias que aparentemente non teñen relación, pero que se entrecruzan para rematar contando unha historia tráxica que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza ou a violencia. (…)
– Praza (P): Malia o dramático da ausencia dun fillo, a obra mantén -sobre todo nos primeiros compases- un equilibrio entre a comedia e o drama.
– Santiago Cortegoso (SC): Hai dúas tramas ben diferentes e quería que fosen dous tons en contrapunto, que se notase que dalgún xeito na montaxe hai dúas obras distintas. No caso dos pais, vívese un proceso de dó. É un drama absoluto e trátanse temas moi duros: a morte, a ausencia, a dor e o trauma. Na outra trama, temos un humor moi claro con situacións cómicas e un humor irónico que presenta, polo baixo, unha serie de críticas sociais. Sobre que temas? Pois sobre o vexetarianismo, o conflito entre a tele e o teatro, a alimentación, o capitalismo… Non obstante, co desenvolvemento da obra, prodúcese unha viraxe paulatina cara ao drama, até que se chega a escurecer todo. É que, realmente, o gran tema é a morte. O dramatismo vai gañándolle terreo á comedia e os conflitos vanse sucedendo até que estoupa a traxedia. (…)
– P: Na actualidade, que un texto resulte gañador do Álvaro Cunqueiro non garante a súa posta en escena. A non ser, como é o caso, que un teña unha compañía propia.
– SC: Non só ter unha compañía propia, senón que sexa posible apostar polo texto e polo formato que implique. Podes ter unha compañía, pero se cadra non tes as posibilidades de montala. Hai autores que gañaron premios importantes e que non asumiron a montaxe coas súas propias compañías. No caso de Ibuprofeno? Pois coincidiu todo de cara. Quero dicir, este texto gañou o Cunqueiro e quixemos asumir o reto de facer unha montaxe con cinco actores, un formato máis grande do habitual para nós. A verdade, eu coido que falta un sistema, unha entidade ou unha vía clara para que os textos dramáticos se monten. Non existe ningún rexistro de textos onde visibilizar o noso traballo. Non hai vías. Que pasa cos textos? Ou gañan un premio ou tes unha compañía propia para montalos. Se non é así, quedan perdidos… (…)”