Almanaque das Irmandades, iniciativa da AS-PG e a A. C. Alexandre Bóveda

DesdeAlmanaque das Irmandades Sermos Galiza:
“Foron moitas as actividades levadas a cabo desde o 18 de maio do ano 1916 en que Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña. Nesa xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza.
Agora, no ano centenario daquela xuntanza, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega poñen en marcha unha iniciativa para dar a coñecer efemérides e actividades relacionadas directa ou indirectamente coas Irmandades da Fala.
Se queremos saber que aconteceu en calquera día do ano o Almanaque das Irmandades daranos, mínimo, unha opción. Segundo aclaran os promotores, “o Almanaque recolle anécdotas, feitos e persoas. Non pretendemos explicar as entradas pois ese papel corresponde á historia. Por iso aquí recollemos breves biografías e acontecementos tanto dos protagonistas das Irmandades como dos precursores ou de aqueles que seguiron o camiño por eles encetado”.
A obra, feita pública esta semana, vai na liña dos almanaques tradicionais cos que Galiza conta desde hai dous séculos, “mais nunca houbo un Almanaque das Irmandades, das Irmandades da Fala. Agora xa o hai” .
A obra ten polo de agora entradas para os meses de xaneiro e febreiro. Nos próximos días completarase con entradas até 18 de maio e máis tarde para todo o ano 2016. Tamén se incorporarán as actividades levadas a cabo durante o ano do centenario das Irmandades. A web tamén conta cun formulario desde o que se poden enviar datos, fotos, etc. referidos ás efemérides comentadas na certeza de que tanta actividade como desenvolveu a xente das Irmandades ten que ter aínda pegadas descoñecidas por toda Galiza.
Dar a coñecer esas pegadas é tamén un obxectivo deste Almanaque, unha ferramenta sinxela desde a que os promotores nos convidan a “almanaquear”, a pasear da man das persoas que precederon, constituíron e proseguiron un movemento do que agora celebramos cen anos. As dúas entidades están a traballar noutras iniciativas en torno a este centenario que farán públicas en próximos días.”