Entrevista a Isaac Xubín

EntrevistaIsaac Xubín a Isaac Xubín en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Como entendes o processo de criação artística (poética e audiovisual, nomeadamente)?
– Isaac Xubín (IX): Sempre me gustou aprender, creo que o feito de estar a traballar con cousas novas obrígate a poñerte nunha situación incómoda, en lugares onde non coñeces o funcionamento do que está ao teu redor. E aquí falo de experiencias tan diferentes como aprender unha lingua nova, un deporte novo ou comezar a vivir nunha cidade diferente, é suxestivo pero en xeral é incómodo porque non tes adquirido os procesos e os protocolos que fan que todo funcione ben dunha determinada maneira. Esa sensación, a de estar a aprender, é a única maneira real de sentirnos novos. O proceso de creación, para min, está relacionado, moi relacionado, con estas experiencias das que che falo. Probablemente unha das mellores maneiras de explicalo sexa mediante a música, penso que un músico comprenderá perfectamente o que digo. O feito de comezar a traballar cunha canción, a frustración, quizais, inicial, o proceso de adquirila e despois comezar a dominala, facela súa, saber que sempre estás a aprender, que nada é definitivo… (…)
– P: Como abordas a actividade como tradutor? Como são as tuas experiências neste sentido?
– IX: Até o de agora a miña experiencia como tradutor baséase no camiño entre o éuscaro e o galego (agás unhas poesías gaélicas que traducín para Dorna hai uns anos, un camiño que retomei coa tradución dunha novela emblemática para a literatura en irlandés e que verá a luz en poucos meses da man de Rinoceronte, A boca pobre). Como creador a tradución ten moitas opcións, ofréceche a posibilidade de entrar en contacto con outro creador e, ademais, inevitable, formar parte do texto ao levala á lingua galega. O traballo de tradutor, manipulador, garda moitos recunchos estimulantes para un creador que saiba tomar proveito. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação artística hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– IX: O feito de que as tecnoloxías sexan hoxe en día tan accesibles e permitan unha manchea de posibilidades, fai que calquera que teña o impulso de achegarse a elas poida expresarse en determinados eidos nos que até hai pouco era necesario un dispendio económico importante e uns coñecementos amplos que non estaban ao alcance de todos.
Por outra banda, hoxe é moito máis doado cruzar fronteiras e chegar onde antes só era posible se entrabas nun club, nun canon,… (…)”