Desde Lermos.gal:
“Nas últimas semanas soubemos do nacemento de NovoVinilo, un novo selo editorial galego radicado en Vigo, e que se presentou ao público o pasado 17 de decembro. Lermos.gal quixo facerse eco desta magnífica nova e conversar un anaco con Verónica e Vicente, os impulsores desta iniciativa.
– Lermos.gal (L): É case unha constante dos últimos anos que, mentres que se fala dunha terríbel crise no mercado editorial global e galego, no noso país non deixen de aparecer novos proxectos editoriais como o voso, que achegan novas ideas e xeitos de facer. Credes que aínda existe oco para unha editora como a vosa no noso sistema literario?
– NovoVinilo (NV): O paso ó mundo editorial o damos dende unha posición de lectores que botaban en falta unha maior oferta de títulos en galego, e que se querían ler un libro concreto debían facelo en castelán en moitas ocasións, nunhas traducións e edicións polo xeral pouco coidadas (peto, dixital, traducións nefastas…). Non podemos falar por outros, pero imaxinamos que esta carencia de títulos traducidos ó galego está detrás do xurdimento de novas editoras nos últimos tempos.
Por suposto, alomenos no noso caso, tamén é unha reacción natural ao “descoido” (por escoller unha expresión politicamente correcta) que está sufrindo o galego dende as institucións dende hai xa anos; tamén é unha cuestión de compromiso e militancia… consideramos que cantos máis proxectos editoriais existan no país, moito mellor, pensamos que hai espazo para todos e que aínda caben moitos máis. (…)
– L: Alén de literatura traducida, tedes pensado publicar obra de autores galegos?
– NV: Si, por suposto, estamos agardando polo noso primeiro título.
– L: Polo que dicides na vosa presentación, semella que prestades moita atención ao aspecto formal dos libros, faládenos un pouco diso.
– NV: O propio nome da editora está vencellado a esta idea. Do mesmo xeito que o vinilo languideceu durante anos e rexurdiu hai pouco como obxecto de culto, con novas reedicións mellor coidadas e rematadas, cun mellor son… a nosa idea é que o libro en papel vai ser o novo vinilo. Buscamos o efecto das edicións dos anos 70, cando só existía libro en papel e calquera libro, independentemente da tirada, editábase dun xeito máis tradicional e o deseño tamén xogaba un rol fundamental, os libros imprimíanse en offset, estaban cosidos e envellecían co uso, sen laminados que ocultasen a súa verdadeira idade.
Custounos moito atopar os acabados que máis se asemellan a esta idea, de feito seguiremos traballando e mellorando o noso produto dende o aspecto formal, sempre dende as mesmas premisas: impresión offset, cosido, papeis porosos, deseño das cubertas e da maquetación…, por suposto coidar o aspecto formal tamén afecta ó interior, onde o tamaño da letra, do interliñado, as marxes, a propia cor do papel… están pensados pra facilitar a lectura. (…)”