Entrevista a Francisco Castro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O teu artigo do A Fondo titúlase “Menos gramática e máis fantasía”. A educación é clave e ti fas un chamamento a mellorala. Cales son as súas principais eivas?
– Francisco Castro (FC): A eiva máis grande é que no fondo as leis educativas non se toman en serio a promoción da lectura. É máis papel mollado, máis declaración de intencións que outra cousa. E outra eiva é o feito de que nunca haxa unha dotación importante de cartos para que as bibliotecas escolares estean nutridas. Sempre poñemos o exemplo de Finlandia, como o espello onde hai que mirarse, e cando rañamos un pouquiño no sistema educativo finés, alí non están obsesionados con ter un computador por alumna na aula, ou non están preocupados por sacar unha boa cualificación nos informes PISA, aínda que logo a sacan, senón que todo o sistema educativo gravita arredor do núcleo central da escola, que é a biblioteca e o libro. Outra eiva brutal é que nas escolas de Maxisterio non hai formación en promoción da lectura. Non hai nin unha soa materia relacionada coa literatura infantil e xuvenil. Por dicir tres que se me ocorren. (…)
– SG: Á marxe das cuestións educativas, que medidas se poderían tomar na promoción da lectura?
– FC: En seguida se lles enche a boca aos nosos políticos dicindo “hai que facer un pacto de estado para nonseiqué”. Eu aínda non vin nin desde Madrid nin desde a Xunta ningunha clase de acción que nos faga pensar que se toman en serio a cuestión da prmoción da lectura, xa non quero cinguirme á lectura de obras galegas, só lectura. Eu teño claro que é máis importante fomentar a lectura que apoiar o libro, e o digo como editor que vive do libro. É básico. Porque se non hai lectores obviamos falar de sistema literario. (…)”