Entrevista a Francisco Castro en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Chega esta novela [Amor é unha palabra coma outra calquera] nun momento no que parece imprescindible desmontar o mito do amor romántico, ¿non? Sobre todo cando as estatísticas sobre as relacións entre os máis novos revelan que volvemos cara atrás.
– Francisco Castro (FC): Sempre houbo un fracaso amoroso, poderiámolo dicir así. Edúcasenos en matemáticas, edúcasenos para saber o que é un complemento circunstancial de modo, pero non se nos educan as emocións. Como moito organízanse cursos para previr as enfermidades de transmisión sexual, pero non se educa nas emocións. Neste momento a mala educación amorosa chegou a límites moi preocupantes con rapazas que entenden que é unha mostra de amor que o mozo lles pida as claves do móbil, que as controle a través das redes sociais, que lles pregunte por que aceptan a tal amigo no Facebook… Temos un problema que logo desemboca en violencia de xénero. O libro ten, como xa pasa noutras obras miñas, unha voz narradora moi potente. O narrador, que son eu, métese no medio a reflexionar sobre estas cousas e a interpelar as mulleres e os homes para que nos liberemos da burbulla do amor romántico e nos impliquemos na defensa do amor grande. O estado perfecto é o do namoramento, pero non a calquera prezo.
– DP: Dixo nalgunha entrevista que a literatura para vostede é luz, aire que respira e toda a súa vida, porque non só é escritor, senón tamén editor en Galaxia e, ademais, imparte obradoiros de literatura.
– FC: Sempre digo que son un home absolutamente afortunado por poder estar, vivir e ser nas palabras. A miña existencia desde que empeza o día ata que remata gravita arredor dos libros, da lectura, da edición, da escrita… Iso é o que me configura. Levo 22 libros e quen me coñece sabe que son 22 obras nas que estou espido por completo. Non me vale sen máis facer unha trama, senón que dalgunha maneira quero manifestarme a través da trama. A literatura sálvame a vida, e dáme vida. (…)”
– DP: Como ve o panorama da literatura galega hoxe?
– FC: Véxoo glorioso. A literatura galega é unha literatura fantástica, moi creativa. Non é mellor que outras do noso entorno, pero tampouco é peor. Temos neste momento autores e autoras cada vez máis recoñecidos. O bo é que as escritoras e os escritores galegos non nos diferenciamos para nada do resto das escritoras e escritores doutras linguas da cultura occidental. Falamos e escribimos das mesmas cousas. Por iso tamén nos traducen cada vez máis. Nese sentido o panorama véxoo moi ben.
– DP: Daquela en Galicia hai moito talento, moi bos escritores, pero o que non hai é mercado?
– FC: O que nos falla é o país. É durísimo o que estou dicindo, pero é así. Un vai a Cataluña, colle o xornal e le a carteleira de cine e verás que todos os días hai dúas ou tres salas que emiten películas dobradas ó catalán. E estamos falando das películas de Hollywood. O señor Scorsese ou Leonardo Di Caprio, ou quen sexa, saben que cando unha película chega aquí ten que facer a dobraxe en catalán. Os grandes best sellers que se publican en España publícanse ó mesmo tempo en catalán e en castelán. Falamos de miles e miles de exemplares porque hai un país detrás que o consume. Iso non nos pasa a nós. É terrible que os escritores e escritoras galegos sexámolo no noso tempo libre. Que como no meu caso teñamos que roubarlle horas ó sono, as vacacións ou á familia. E, malia todo iso, prémiannos fóra e dannos o recoñecemento das traduccións. É realmente un milagre. (…)”