Desde a páxina web de Antonio Reigosa:
“Cunqueiro só foi convidado a visitar a Real Academia Española despois de morto. Nunha ocasión, tres anos despois do seu falecemento, chegou alí da man da escritora Elena Quiroga, cando no seu discurso de ingreso na augusta casa, pronunciado o 8 de abril de 1984, falou de “Presencia y ausencia de Álvaro Cunqueiro”.
Pasarían moitos anos ata que outro académico convocase o seu espírito para lembrar, esta vez con apaixonamento, a grandeza e singularidade da obra do escritor mindoniense. Era o 30 de xuño de 2011 e quen falou con tal devoción da excepcionalidade da obra de Cunqueiro foi Pere Gimferrer. “En el regreso de Álvaro Cunqueiro” era o reclamo co que aquel día debullou o poeta catalán, sen papeis, unha lección maxistral arredor dun escritor illado e único, pois dixo que non tiña antecedentes nin descendentes literarios.
É certo que algo lle debía Gimferrer a Cunqueiro desde o 26 de abril de 1964. Nesta data, no Faro de Vigo que estaba a piques de comezar a dirixir, Cunqueiro, parapetado tras do pseudónimo A. L. (Alvaro Labrada), dedicoulle unha eloxiosa crítica a un dos primeiros libros de poemas do autor catalán. Escribía Cunqueiro que de todo o que lera naqueles tempos, o que máis o sorprendera e espertara fora aquel “Mensaje del Tetrarca” que o mozo de 18 anos chamado entón Pedro Gimferrer acababa de publicar.
Recoñeceu Gimferrer que só Cunqueiro entendeu e comprendeu os seus poemas, e que naquela análise tan favorable estaba o principio de todo canto de bo tivo, que foi moito, a súa excelente carreira literaria.
Pere Gimferrer naceu en Barcelona en 1945. Escritor en catalán e castelán, e ocasionalmente tamén en francés e italiano, como é o caso de Per Riguardo (2014). Tamén é tradutor, ensaísta, articulista, crítico, editor e asesor literario na editora Seix Barral.
É membro da RAE desde 1985, e doutras institucións como a Académie Européenne de Poésie, a Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona e a Academia Mundial de Poesía. Recibiu numerosos premios, entre eles o Nacional das Letras. Son moitos os títulos que publicou, a inmensa maioría de poesía, con unha produción especialmente intensa nos últimos cinco anos, se atendemos ao número de libros que viron a luz. O último, polo de agora, Marinejant, é un poemario brillante dun poeta erudito e ata, el non renega, excéntrico que lle dedica ao avó co que máis simpatizou, Pere Gimferrer Cassany.
Vai para 35 anos que Cunqueiro morreu e pasa algo dos 50 desque eloxiou aquel libro primeirizo de Gimferrer. É moi probable que aquela reseña de Cunqueiro se tornase bendición autenticamente máxica, e que dalgunha maneira proxectase, á volta de tantos anos, un facho de luz poderosa sobre a abondosa e soberbia obra creativa de Pere Gimferrer.
Antes de que a AELG nomee a Pere Gimferrer ‘Escritor Galego Universal’ aló polo maio florido, será Mondoñedo quen, por favor que lle debemos, o declare Cunqueirián Emérito. O acto será este sábado, 27 de febreiro [1]; o motivo, celebrarmos o 35 cabodano da morte dun xenio universal chamado Álvaro Cunqueiro.
[1] Unha folga nos ferrocarrís impediulle a Pere Gimferrer achegarse a Mondoñedo nesta data.
Este artigo publicouse en La Voz de Galicia (A Mariña) o 27 de febreiro de 2016.”