Entrevista a Carme Rodríguez Alonso en BiosBardia:
“Un bosque novo. Antoloxía de poesía gaélica contemporánea (Trifolium) é unha excelente porta de entrada á literatura contemporánea en idioma irlandés. Carme Rodríguez Alonso (A Coruña, 1968) escolma o traballo de trece poetas gaélicos do século XX nunha edición bilingüe que serve para coñecer os temas e reflexións dunha cultura que, malia o elo popular (por vía céltica) entre Galicia e a illa de Irlanda, segue a ser moi descoñecida. Esta publicación debería servir para alentar o interese editorial por traducir máis libros gaélicos. (…)
– BiosBardia (B): Como se explica a ausencia das letras gaélicas na biblioteca histórica galega?
– Carme Rodríguez Alonso (CRA): Supoño que ten a ver coa dificultade de acceder á aprendizaxe da lingua gaélica en Galicia. Penso que agora será menos complexo (aínda que non coñezo moi ben a situación), mais a diferenza doutros países europeos, non hai tradición nin presenza ou tradición sólida do estudo da lingua gaélica nas universidades galegas e tampouco no resto do Estado español.
– B: Cal foi o criterio de escolla dos autores escolmados?
– CRA: A escolla foi miña. Hai un elemento subxectivo que ten a ver con gustos persoais mais penso que na antoloxía están os poetas máis representativos. Decidín limitarme aos poetas nados na primeira metade do século XX porque era os que no tempo de escolmar mellor coñecía. Probablemente haxa alguna omisión pero non hai dúbida ninguna sobre o valor literario de todos os autores presentes. (…)”