Entrevista a Francisco Castro en Coruña Daily News:
“(…) Amor é unha palabra coma outra calquera é o título da súa última novela. Trátase non só dunha historia sobre o amor romántico, ou máis ben dunha crítica del, senón unha novela de suspense e misterio no que nada é o que parece, cun ritmo trepidante, de áxil lectura, que atrapará ao lector en temas como a realidade, os sentimentos e a maneira de vivir a vida.
– Coruña Daily News (CDN): Esta é unha novela de amor contra o amor. Por que un sentimento tan puro pode ser tan daniño?
– Francisco Castro (FC): O sentimento non é daniño, o que é daniño é o amor instrumentalizado como mecanismo de poder. Por iso eu digo que amor é unha palabra coma outra calquera, ou non, porque é a gran palabra.
– CDN: Como chegamos ata este punto?
– FC: Como case todo, ten unha explicación que ven de atrás. Ten moita razón Nietzsche cando nos explica que de Sócrates en diante, sobre todo coa aparición do cristianismo, e logo do catolicismo como relixión dominante, houbo unha idealización do amor como algo supremo e puro que está por encima da sexualidade e da corporalidade. Aí é cando empezamos a interiorizar, sobre todo as mulleres, porque é un mecanismo de dominación do patriarcado, esa idea de que para completarse é necesario un príncipe azul, unha media laranxa, alguén que nos dote de sentido. É aí cando caemos no amor romántico, nesa busca dun ideal de perfección de vida que realmente non existe. (…)
– CDN: A novela comeza coa aparición dun cadáver na casa de Carla, a protagonista. Pode dar algunha pista ao lector?
– FC: Interésame moito esta pregunta porque esta é unha novela que, desde o primeiro instante, está xerando un debate moi intenso arredor do concepto do amor ou da sexualidade que parece que case é máis un tratado ca unha novela. E non. Estamos diante dunha novela de corte policial. Temos un enigma que resolver, un cadáver que aparece en estrañas circunstancias e unha investigadora, unha policía, que informa á protagonista de que hai algo estraño que necesita aclararse.
– CDN: Que é o que máis salientaría desta novela?
– FC: Espero ter conseguido unha obra entretida, que o mesmo tempo obrigue a quen a le a interrogarse sobre a vida e os sentimentos. Interésame moito que a literatura que escribo sirva para remover o interior das persoas. (…)”