A idade adulta? da fantasía en galego, por Xosé Duncan

ArtigoXosé Duncan de Xosé Duncan en Lermos.gal:
“(…) O que podedes ler a continuación non é unha entrevista nin unha reportaxe (por isto de non caer na monotonía) senón, máis ben, unha reflexión. Levoume a ela varias cousas. A primeira é a miña constante teima de me queixar do reducido número de lectoras e lectores que hai en galego; a segunda, a convicción que temos algúns sobre o menosprezo do xénero fantástico e, a última, os éxitos que están a ter grandes escritoras e escritores no campo da LIX galega e que fan que miremos, aínda máis, cara os marabillosos cadernos ilustrados concibidos para as crianzas. Digo ‘aínda máis’ porque non é a primeira vez que esta reflexión me vén á cabeza.
Tería que volver a vista atrás catro ou cinco anos cando, antes da aparición de Contos Estraños e do selo Alcaián de Urco Editora, se me dera por analizar a presenza nas librarías e nas feiras da fantasía en galego. Nesa época podíase constatar a fortaleza que tiña Kalandraka no ‘albúm ilustrado’ para o público infantil e a aparición esporádica dalgún que outro título nalgunha que outra editorial (case sempre xustificado por un certame creado con tal fin). A escena non era outra que a literatura fantástica en galego era sinónimo de LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) malia que, por desgraza, tirando máis a infantil que a xuvenil. E non o digo como desprestixio nin crítica senón como consecuencia de considerar que a masa lectora adolescente ten unha maior comprensión que a necesaria para ler Gerónimo Stilton ou, mesmo, Os cinco. E tampouco o digo por ter unha estima desmedida pola mocidade actual (en xeral), senón porque así debería ser xa que, hoxe en día, a súa antiga cota de mercado está ocupada pol@s nov@s preadolescentes. Si, esa rapazada que o sistema se empeña en lanzar ao consumismo voraz cada vez con menos idade.
Considerando que isto é certo, calquera podería supoñer que esa masa adolescente constitúe un mercado de moito peso e importancia. E non só iso senón que, ademais, deberíase subir o listón da comprensión lectora e supoñer que con dezaseis aniños cumpridos, e sendo fans de sagas como Crepúsculo, Os xogos da fame e/ou Diverxente, malo será que non queiran facer uso da LIX até niveis case de adultos (como por idade, hormonas, neuronas e entendemento lles correspondería). (…)”