Entrevista de Xosé Duncan a Gonzalo Hermo en Lermos:
“(…) – Lermos.gal (L): Como se consegue ter dous poemarios publicados e, segundo a Galipedia, cinco premios, dous deles por Celebración?
– Gonzalo Hermo (GH): Coido que é o tempo o que fai canónica unha obra e será o tempo o que diga se Celebración é un libro referencial no contexto da poesía galega ou soamente foguete dun día. Os premios teñen moito de continxentes e non hai que darlles excesiva importancia. Non hai dúbida de que son un mecanismo para ampliar o horizonte de lectores, e tamén unha das poucas entradas de diñeiro que temos os poetas, pero non creo que engadan valor a un libro.
– L: Pregúntoo porque na narrativa o habitual é a situación contraria, @ autor@ adoita ter moito publicado mais poucos certames gañados (agás excepcións) e non es @ primeir@ poeta que atopo cunha chea de premios e que, así e todo, lle custa moito publicar…
– GH: A escaseza de oferta editorial fai que moitas veces a posibilidade de publicar un libro de poesía en galego pase por gañar un premio. Esa dependencia de certames financiados por institucións non é exclusiva de Galicia; basta botar unha ollada ao noso redor para decatármonos de que os sistemas literarios veciños funcionan así en maior ou menor medida. Mais iso non sucede en todo o mundo. Hai pouco estiven en Córdoba, Arxentina, e alí existe unha ampla oferta de editoras independentes que publican poesía, moitas veces promovidas por poetas. A miña sensación é que en Galicia o camiño pode ser ese. Deixar de reclamarlles ás editoras asentadas que publiquen máis poesía e artellar unha alternativa editorial independente que dea cabida á produción de calidade que existe en galego. (…)
– L: Alén da dureza do realismo, deixas entrever algunha mensaxe política nos teus versos? E, se é así, é intencionado?
– GH: Cando se fala de poesía política dáme a impresión de que se tende a asumir unha visión moi restrinxida da noción de política. É máis político Longa noite de pedra, de Celso Emilio, ca Tempo de ría, de Xohana Torres? Sería interesante pescudar que hai de político naqueles libros onde o poeta non se esforza en facer gala dunha determinada ideoloxía porque se cadra levamos unha sorpresa.
– L: Nalgunha ocasión comentaches que Crac era a obra de alguén que comeza e que Celebración era unha evolución, máis madura. Cara a onde irá a túa poesía no futuro?
– GH: Non o sei. Dixen en varias entrevistas que tiña a impresión de que Celebración era o meu primeiro libro, no sentido de que a miña voz poética estaba aí e non tanto en Crac. Pero igual o tempo me desmente. Creo que non hai que facernos moito caso aos escritores cando facemos proxeccións sobre a nosa obra. Non digo que non teñan interese, porque manifestan un determinado estado de ánimo en relación á propia escrita, pero sería iluso pensar que podemos prever totalmente o que está por vir. (…)
– L: Como ves o panorama galego?
– GH: Levamos demasiados anos agardando a que Breogán desperte do seu sono e talvez sexa hora de darlle un chute de cafeína que o faga acordar de vez. Eu sempre son optimista.”