Entrevista a Margarita Ledo na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
– Margarita Ledo (ML): Recén insisto no vencello entre Manuel María e o movemento denominado Arte Povera, cuxo meirande representante talvez sexa Michelangelo Pistoletto. Este xiro dende a poesía existencial dos anos primeiros cara aos materiais de tocar coa man, cara ao próximo, cara ao paspallás que co seu canto anuncia o pan, coido que é un indicio nidio do seu paso acompasado con todo o que lle é contemporáneo. Por iso podemos atopalo nos sesenta canda Voces Ceibes ou agora musicado por Uxía Senlle. Por iso milita na causa da liberación nacional e social de Galiza. Nunha conversa, Impliquémonos, entre Pistoletto e Edgar Morin, entre un artista e un cientista social, a propósito do proxecto Cittadellarte que Pistoletto define como unha xeografía da transformación e que ten por obxecto conectar, pór en relación iniciativas diferentes, o Morin sociológo e grande observador comenta que sempre, na historia humana, todo comeza por unha iniciativa, unha innovación, unha mensaxe de carácter aparentemente marxinal, fóra do rego, modesta e que fica, as máis das veces, inapreciábel para as e os seus contemporáneos. E teño para min que a obra de Manuel María -o mesmo que cando se nos relata nun filme que vimos de reeditar, Manuel María: eu son fala e erra desta miña terra– olla para nós dicíndonos precisamente iso que, neste caso, Pistoletto repite unha e outra vez: non se trata da arte pola arte senón da arte en canto estética que procura a ética.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– ML: No ronsel de diferentes estudosos e estudosas que organizan a obra de Manuel María en poesía da Tebra, etnopaisaxística, social e política, poesía amorosa.., ao tempo que nola sitúan en universos complexos nos que a harmonía linda sempre co abatemento, o que se enuncia co que se denuncia, o que para min representa, en singular, Manuel María é a “proba documental” de que, no caso de nós, a poesía foi e é unha das cariátides que terman da nación desexada que atravesa, con distintos rexistros, a obra do poeta.
– RAG: Que pegada coida que deixou na cultura galega?
– ML: Neste caso vou falar do que me é máis próximo, da coleción de poesía Val de Lemos que condensa, dalgún xeito, o modo de andar a terra que Manuel María quería: o nome da colección, Val de Lemos, termaba dun lugar concreto que el amou; a forma era povera, de urxencia, libros realizados cos medios á man e na imprenta de Villarabide, en Sarria, onde eu anos despois gravei unha das escenas máis intensas para o filme sobre Líster. A produción facíaa o propio Manuel e nese acto unía as persoas que nos achegabamos á nación cos devanceiros, con Celso Emilio, con Xosé Neira Vilas. Porque Manuel respondía as cartas cada día, ía ao correo decote e remesaba puntualmente os cadernos de poesía a toda a tropa galeguista. Despois o milagre acontecía e alguén que coma min facía Xornalismo en Barcelona topaba na caixa do correo unha misiva desde Caracas agradecendo Parolar cun eu, cun intre, cun insecto e comentando con moito tino, para non me ferir, supoño, aqueles primeiros poemas. Val de Lemos foi un lugar de encontro e de crenza no futuro; foi a revancha da palabra contra a súa desaparición; foi a lingua galega como sinal das contrabandistas. No meu caso foi algo máis, foi a botella ao mar na procura do que en algures existía, foi o modo de entrar en relación cunha xeración que fixo de min unha persoa prendada da política, dos países pequenos e imperfectos e das historias con final aberto. Díxeno así nunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro e repítoo sempre como homenaxe ás pequenas accións. (…)”