Manuel Bragado: “Tártarus, de Antonio M. Fraga”

DesdeAntonio Manuel Fraga o Brétemas, de Manuel Bragado:
“Moito pagou a pena a presentación de Tártarus, a novela de Antonio Manuel Fraga, que fixemos na FNAC con motivo do día do libro. A crítica María Xesús Fernández conversou co autor sobre unha novela de fantasía da que salientou «o seu carácter de relato enmarcado no que unha muller relata a historia protagonizada por outra que accede a un mundo mítico».
O autor confesou que a súa idea era que esta novela xuvenil puidese ser lida tamén polo público adulto. «Quixen que estivese presente a música, a narración oral e unha relación entre unha persoa nova e outra adulta, como xa fixera no Castañeiro de abril. Sei que é unha novela de fantasía e asumo que escribo máis literatura de fantasía da que eu mesmo consumo.» Ao fío das pegadas de Ende e Tolkien na creación deste entorno de ficción verosímil, o autor confesou que fora divertida a creación deste mundo: «Aproveitei unha serie de realidades parciais. Os nabrallos naceron en Cuba, como un reflexo de certas realidades que vimos nalgunhas cidades, a vitalidade dos seus habitantes, o tráfico caótico e, sobre todo, o seu optimismo para superar as dificultades. O mundo de Nigrofe tamén saíu de Cuba. Como foi engaiolante crear a linguaxe güenda, inspirada nas linguas do norte de Europa. Pola contra a lingua mallumá provén sobre todo do esperanto.» «A vontade foi crear unha sociedade simplemente distópica, que pode lembrar á sudafricana do apartheid, aos ghettos xudeus ou á Palestina actual».
Antonio expresou a súa preocupación de que fose comprendido o crebacabezas da novela, xa que está estruturada sobre dúas voces principais, a de Guiomar e a da súa profesora de klavia, ás que se incorporan outras, ao xeito de monecas rusas. «A novela pode lerse de xeito liñal, pero tamén pode xogarse a identificar as relacións existentes entre as dúas historias paralelas.» No que atinxe á incorporación de textos informativos ao comezo de cada capítulo, o autor xustificounos na media que «forman parte do xogo de construción deste mundo ao que pretendín darlle máis autenticidade». (…)”