A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra…, con Pedro Feijoo, nos Paseos pola Coruña Literaria 2016, o sábado 11 de xuño

Paseos pola Coruña Literaria 2016Unhabannerpaseoscorunha2016 iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña: Paseos pola Coruña Literaria da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
Desta vez, a inscrición vai ser independente en cada un dos paseos, sempre a partir das 9:00 horas, na conserxaría do Centro Ágora ou chamando ao 981 189 888 a partir dos seguintes días:

  1. Pedro Feijoo. A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra… A inscrición abrirá o luns 30 de maio. As prazas dispoñíbeis de inicio son 55, para maiores de 16 anos.

Sábado 11 de xuño. De 12:00 a 13:30 h. Punto de partida: Obelisco.

Teñen todas as cidades unha outra vida que, por veces, non se ve. Unha vida feita da textura das letras, de sangue de tinta e alma vestida nas historias. Nas que foron e nas que non foron… Desta volta, propóñovos un paseo por esoutra cidade, A Coruña de Rosalía e Murguía. Un paseo tralas pantasmas daqueles nomes, de Gala, de Alejandra, de Anxo Aián e de Aurelio Aguirre, desde as miserias de rúa Tabernas, axustando as contas da Real Academia Galega, até as sombras do cemiterio de Santo Amaro e as súas tebras, a escuridade na que, moitas veces, vive a luz verdadeira.
A máis, esta vez tamén deixaremos que nos acompañe algún dos personaxes de Os fillos do mar para botar con el unha ollada a algunha das xoias modernistas que, ao contrario do que aconteceu noutras, esta cidade tan ben soubo conservar. E todo, por suposto, sen deixar de lado o humor, que por algo hai na cidade unha praza a el adicada. Ou acaso non vos parece suficientemente gracioso que veña un de Vigo ensinarvos a cidade? ;)
Espero que sexa do voso maior agrado!