Xosé María Álvarez Cáccamo: “As mulleres foron protagonistas de grande parte da resistencia máis activa e lúcida contra o franquismo”

EntrevistaXosé María Álvarez Cáccamo de Montse Dopico a Xosé María Álvarez Cáccamo en Praza:
“(…) – Praza (P): Aínda que é unha novela [As últimas galerías] -o libro foi presentado como a súa primeira novela- non deixa de ter relación cos libros de memorias Memoria do poeta e Tempo do pai… Por que?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Si, e o asunto pode levarnos aos debates sobre os límites entre a ficción e a memoria. Eses dous libros que citas e As últimas galerías forman como unha triloxía. Non o fixen de xeito consciente, pero é como unha triloxía da memoria na que o peso do ficcional vai aumentando, ata este último libro, que aínda que ten unha ancoraxe na memoria persoal, é ficción. (…)
– P: En realidade, pode dicirse que é un libro sobre memoria histórica, sobre a guerra civil e a violencia que esta provocou e amparou. É así?
– XMAC: O fascismo é insaciable. E temos que insistir en que o levantamento fascista non só provocou milleiros de mortos e encarcerados, senón distintas formas de represión que afectaron de xeito especialmente dramático ás mulleres. A morte, o cárcere, a violación… e a vida baixo o xugo dunha absoluta violencia, que adoptaba distintas formas como o control… O acoso que sofre Amalia é unha desas mostras de violencia fascista. (…)
– P: Por que o libro se chama As últimas galerías?
– XMAC: O título ten un valor simbólico. Procede dunha conversa real que tiven con miña nai. Ela dixo que estabamos nas últimas galerías. Naquel momento entendino como unha revelación, un estoupido de lucidez, cun sentido poético. Aínda que creo que foi algo máis prosaico: ela pensaba que estabamos nunhas galerías comerciais. Quedei con esa imaxe e pensei que podería escribir algo… Ao principio ía ser un libro de testemuño, un libro de poemas… e acabou sendo unha novela. Pero tiven o título antes que o libro.
– P: A historia da familia reconstrúese a través da narración do fillo en primeira persoa, dos diálogos das conversas cos amigos e veciños da nai, das cartas e do diario da nai. Como pensou esta estrutura?
– XMAC: Quería que o enfoque fose o perspectivismo múltiple. Iso permitíame explicar o proceso de indagación do fillo desde distintas perspectivas e darlle variedade ao relato. Creo que tamén é verosímil que unha investigación sobre a historia familiar se faga a través de conversas, diarios, cartas… Por iso ese enfoque poliédrico, de voces múltiples (…)”