Biblioteca Agustín Fernández Paz, por Manuel Bragado

DesdeAgustín Fernández Paz Brétemas, de Manuel Bragado:
“Viaxei na tarde do luns 6 de xuño a Vilalba para participar no acto de inauguración da Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva que este ano celebra o seu cincuentenario. Un acto escolar ben fermoso, unha homenaxe literaria ao autor das Fontiñas no seu propio barrio, coa memoria das abidueiras sempre presente. As intervencións musicais e literarias do alumnado debuxaron un retrato humano e literario moi atractivo e acaído de Agustín, a quen o centro acordou poñer o nome da súa revitalizada biblioteca. Emocionante foi a atención coa que o alumnado seguiu a mensaxe gravada na que Agustín en cinco minutos expresou a súa gratitude e contou algunha das súas andanzas de pícaro nas terras onde se construíu o edifico do instituto nos anos sesenta. O magnífico acto do IES Basanta de Vilalba, onde só escoitei falar galego, algo hoxe sorprendente, amosa que como dixo Agustín “unha biblioteca é unha luz”; como demostra o papel dinamizador da biblioteca escolar na vida dun centro e a gran calidade de moitos dos traballos literarios que se realizan nos nosos centros educativos. Cando saín, chamei decontado a Agustín para contarlle esta marabilla.”