Entrevista a Xosé Duncan

Cicloxénese ExpresivaXosé Duncan entrevista a Xosé Duncan:
“(…) – Cicloxénese Expresiva (CE): Como xurdiu Lermos?
– Xosé Duncan (XD): Eu estou farto de institucionalización e elitismo. Para min Lermos é a revista que eu querería consultar de vez en vez. Unha revista de ti a ti. Non serei o mellor galego falante do mundo. Non serei o mellor escritor, pero esta xente fala no meu idioma e ao meu nivel. De feito a miña idea de Lermos e o meu concepto ía máis alá: eu nin sequera son galego falante, atráeme a lectura en galego e quero meterme nese mundo. Pero para iso fálame dunha maneira accesible, non empeces con tecnicismos. Por exemplo, xente coma min, que os seus pais eran galego falantes e ti volvícheste castelán falante, pasan vinte anos por ti, queres ler en galego pero atópaste todo demasiado politizado, demasiado institucionalizado; entón pregúntaste: ao meu nivel que hai?
– CE: Sénteste máis orgulloso de Negruña que do resto de libros?
– XD: Eu penso que isto de escribir acaba sendo como ter un fillo. A Bran téñolle moito máis cariño ca Negruña, pero de Negruña estou moito máis orgulloso. Negruña foron oito meses de traballo moi duro. Negruña tiña flashbacks á Rusia de Rasputín, á India da compañía británica… Tiven que documentarme moitísimo. Quería conseguir a mestura perfecta entre a fantasía e o feito histórico.
– CE: Cres que o xénero fantástico está infravalorado?
– XD: Totalmente. No xénero fantástico un 85% está enfocado ás crianzas, a rapaces e rapazas de 10 anos para abaixo, e tan pronto traspasas ese umbral de comprensión lectora onde te atopas? Onde estás ti como escritor situado? E onde estás ti como lector situado? A min dáme igual porque eu asumo o risco, pero non por escribir fantasía se baixa a complexidade. Eu sempre o comentei. Vin a luz cando en segundo de BUP deixei relixión e collín ética; aí foi cando lin Rebelión na Granxa, O señor das Moscas, A laranxa mecánica… Poñíanche libros de fantasía e distópicos para facerche pensar. Hoxe en día parece que imos ao revés, teslle que dar un libro de fantasía a un rapaz porque é próximo a el, considérano como un libro de transición. Chámalle bo libro ou mal libro ao meu, pero non o consideres como un libro de transición, porque non ten porque ser así. De feito, comentábao hoxe pola tarde nunha caseta cunha muller. Dicía que tiña moitísimos libros que lera con 15 anos e que volveu a reler con 25 e parecían libros absolutamente distintos, non porque o libro fora malo, senón porque estaba en situacións distintas. Esa evolución é a marabilla que ten a fantasía. Ti colles un ensaio ou un libro de realismo e é o que é. É realidade. Non lle vas sacar máis xugo nin menos. A fantasía garda ese dobre xogo de aportarche máis mentres ti vas evolucionando. (…)”