Artigo de Armando Requeixo, desde Criticalia:
“(…) O que as letras galegas deben a Agustín Fernández Paz non se dá contado: case medio século de labor entregue á nosa cultura, á súa lingua, ao pobo e máis de cincuenta libros publicados, entre os que se atopan varias obras de culto.
Levaba a escrita na xema dos dedos. As palabras espellábanlle no iris e o mundo íalle entrando polos cómbaros do seu perenne sorriso ata o fondal dos paradisos fantasiados. Escribía aquelas deliciosas maxinacións en cadernos sempre de papel amarelo e, aínda que amaba todas as súas criaturas, tenme confesado algunha vez que O centro do labirinto lle dera moitas alegrías e que tiña debilidade por algúns deses seus fillos que non foran tan queridos, como O laboratorio do doutor Nogueira ou Corredores de sombra. Mais non me cabe dúbida de que, nos últimos anos, Non hai noite tan longa, O rastro que deixamos e A viaxe de Gagarin foron tamén verbas benamadas por el. (…)
Lembro que un día, hai catro anos, lle dixen: “Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?” Respondeu coa sabenza da que só son quen os seres irrepetibles: “Sei que o meu tempo se esgota, non preciso do subxuntivo. Como calquera narrador, a través dos meus libros aspiro a deixar testemuña da miña visión da vida e da miña concepción do mundo”. Abofé que o fixo. Boa viaxe Agustín.”