Entrevista de Xesús Fraga a Miguel Anxo Fernández en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Nesta novela [Un dente sen cadáver] conflúen na trama dende a especulación urbanística á explotación de mulleres…
– Miguel Anxo Fernández (MAF): A actualidade soe marcar as tramas na procura da complicidade dos lectores, aínda que tamén evito a retórica. Intento ofrecer lecturas parellas de temas que ao tempo asoman o lado escuro da condición humana. Por desgraza a especulación mantense viva, como a violencia contra as mulleres e a súa explotación.
– LVG: A novela negra pode ser pura, paródica, para recrear un personaxe ou esculcar nos males da sociedade. ¿Cal destes factores ou outros pesan máis na serie?
– MAF: Teño moi claro que fuxo de poñer a Frank Soutelo nun púlpito para arengar ao lector con simplezas. Quédome co que teña de puro un fulano que arremete contra o peor da sociedade pero á súa maneira, mesmo saltándose as normas e ás veces entre certa confusión moral. Pero tampouco renuncio ao humor. Polas veas de Soutelo flúe retranca galega e procuro rodealo de tipos que dean un certo xogo divertido, caso do funerario de Los Ángeles, Sugar Jones, e o propio Poncio, taberneiro en Muros.
– LVG: Tres casos en Estados Unidos e outros tres en Galicia. ¿Soutelo é o que agora se denomina un emigrante transnacional?
– MAF: O seu pai foi garda de asalto na República e houbo de fuxir para rematar en Nova York, pero era amigo do gaiteiro de Soutelo, Avelino Cachafeiro; era un tipo comprometido coa cultura propia. Iso pasoullo a Frank, non así á súa irmá? Os seus casos norteamericanos teñen un ton máis de xénero, máis apegado ao cine: alí vai de tipo solitario co único apoio da súa secretaria, Pat Pérez, neta dun fragueiro lugués forrado en Oklahoma. Pero aquí atópase con amigos cos que intima, ten familia que o acolle, e iso cambia a súa perspectiva. Gusta de Galicia e viaxa moito por ela, aínda que por veces cústalle entendela. Temos menos habitantes que Los Ángeles; non chegamos ao 10 % da extensión de California. Outro tanto coa paisaxe, coa xente, e mesmo coa criminalidade. Hai un toque diferencial a salientar. (…)”