Ramón Nicolás: “As mulleres foron varridas da historia da Idade Media”

Entrevista Ramón Nicolása Ramón Nicolás no Faro de Vigo, desde Xerais:
“- Faro de Vigo (FV): Tendo en conta que unha das túas facetas máis coñecidas é a de crítico literario, estrearte como novelista é cáseque unha ousadía. ¿Que foi o que te animou a escribir O espello do mundo? ¿Como naceu esta historia que contas?
– Ramón Nicolás (RN): Na nosa tradición literaria, e noutras, creo que non son o primeiro caso que conxuga traballos creativos deste tipo. Na realidade sempre entendín tanto a crítica como o ensaio como unha faceta creativa máis, sen dúbida pola que circulei con máis intensidade nos últimos anos, iso si. As diferenzas entre a práctica da crítica e enfrontarse á creación dunha novela son evidentes, claro, e talvez a máis importante sexa que para esta última cómpre ter unha historia, ou varias, e manexar os recursos apropiados para contala…, e a deste libro asaltoume case se querelo. Participo da opinión, con todo, que a crítica tamén é un exercicio de creación aínda que o seu obxectivo sexa interpretar, orientar ou informar. A idea da novela naceu hai anos e xurdiu tras coñecer un territorio concreto como foi a igrexa de San Pedro de Ramirás nas Terras de Celanova: a única memoria conservada do que foi un cenobio feminino medieval, rodeado hoxe polas instalacións dunha residencia xeriátrica. Aí había unha metáfora vinculada co tratamento que se lle dá e deu ao noso patrimonio, tamén coa nosa memoria. Alí había unha historia que tentei contar. Talvez a darlle forma contribuíu tanto o feito de decatarme de que levaba máis de dúas décadas dedicado á interpretación doutros textos como de abordar un desafío cun proxecto se se quere de índole máis persoal. (…)
– FV: Sorprendeume algo que dixeches nunha entrevista: que as mulleres que eran abadesas na Idade Media chegaron a ostentar un gran poder. ¿Como se explica isto nunha sociedade que, agás excepcións, en xeral ignoraba ás mulleres?
– RN: Basicamente porque, ao meu xuízo, se reiterou unha única lectura do medioevo que é etnocentrista e patriarcal, onde as mulleres foron varridas e borradas da historia oficial. Isto aconteceu nalgunha medida con figuras fascinantes como a propia Hildegarda von Bingen que protagoniza boa parte da novela. Daquela…, que ía ocorrer con aquelas abadesas de conventos como o de San Pedro de Ramirás, o de San Salvador de Sobrado de Trives ou o de San Salvador de Ferreira de Pantón, todos eles conventos femininos…? O seu poder, derivado da relevancia que no seu tempo representaban as ordes relixiosas ás que pertencían, era absoluto e total, indo máis alá do que hoxe chamariamos modos de produción e de organización. A óptica coa que entendían o mundo era irrebatible, eran cabezas espirituais e señoras temporais das terras e das xentes que vivían nelas, de aí o xogo de espellos que quixen reflectir nesta novela. Fórono naquela época e fórono mesmo, no caso das monxas de Ramirás, ata despois de 1499 cando tras a reforma bieita foron anexionadas a San Paio de Antealtares en Compostela, gozando alí e mesmo despois de privilexios e prerrogativas especiais. A intención era rescatar, desde a ficción, este mundo. (…)”