Entrevista de Xesús Fraga a Miguel Sande en La Voz de Galicia:
“A crise afectou a moitas familias, traendo consigo non só dificultades económicas, senón tamén emocionais. O relato dunha quebra e o intento posterior de reconstrución é a cerna da novela coa que Miguel Sande (Pastoriza, Arteixo, 1961) gañou esta semana o premio García Barros. A candidata dá voz a unha desas familias para que os seus membros relaten en primeira persoa o seu impacto. Así, a novela estrutúrase en tres partes: na primeira, unha nai grava pequenos fragmentos en vídeo, a xeito de diario, no que recolle a quebra da familia por mor da crise. «É un mundo que se rompe», describe Sande. A segunda cede a narración á filla, que aos seus 18 anos ingresa na universidade e participa activamente de movementos cidadáns e políticos novos, moi actuais, dende os que loita por unha sociedade mellor e máis xusta. «Dese mundo que se rompe ela trata de reconstruír un mundo novo», di o autor. Pecha A candidata unha entrevista co terceiro membro, o pai, da que Sande prefire non avanzar nada máis que será un final «sorprendente» para unha obra pensada «para todo tipo de lectores, adultos e mozos». (…)”