Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 1 e domingo 2

O domingo 2 de xullo finaliza a IV Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h.), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 1
12:30 h. Presentación de A candidata, de Miguel Sande, publicada por Galaxia.
13:00 h. Presentación de 22 segundos, de Eva Mejuto, publicado por Xerais.
19:00 h. Presentación da colección Mulleres Bravas da nosa historia, de Urco Editora, coas súas autoras, Eli Ríos e María Lado, acompañadas pola ilustradora Eva Agra e o editor, David Cortizo.
19:45 h. Presentación de O anxo negro, de Manuel Gago, publicado por Xerais.
20:30 h. Concerto-presentación de Os fíos do querer, Cé Orquestra Pantasma. Para nenas e nenos entre 0 e 3 anos.

Domingo 2
13:00 h. Presentación de As covas do rei Cintolo, edición facsímile das obras de Daniel Cortezón e Suso Peña. Presentan o libro editado por Lar Roberto Rodríguez, Santiago Sanjurjo e Justo García.
19:30 h. Presentación de Placebo, de Santiago Jaureguízar, publicado por Xerais.

Miguel Sande: “Gústame mover os marcos entre os xéneros literarios”

Entrevista a Miguel Sande en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Mais esta novela [A candidata] non é de acontecementos, máis ben é de pensamentos. Está construída, en gran medida, en base a monólogos interiores. E o peso lévano dúas figuras femininas, ademais. Que dificultades ten pórse no corpo dunha muller e contar as súas emocións máis íntimas?
– Miguel Sande (MS): Eu non atopei dificultades por mor do xénero. O importante para min era dar coa voz e coa ollada. Iso é o que me importa da literatura. Neste caso, coido que o maior desafío foi converter en lírica esa intimidade, en especial a da filla. Eu tiña claro que quería afondar no máis recóndito de si pero debía evitar que o texto acabase sendo escatolóxico. Hai pasaxes que, de escribilos sen esa estratexia poética, habían parecer antiliterarios. E nese sentido, a min vénme ben ser amais de narrador, poeta e autor de teatro. Gústame mover os marcos entre os xéneros literarios. No noso tempo cómpre saber pular as fronteiras expresivas. A miña parte de dramaturgo está moi presente na construción do monólogo, que é un xénero dramático ben recoñecido xa. A miña faceta poética valeume para construír o universo das personaxes cunha altura que a cotidianidade non me daba por si mesma. Sinceramente, para min o máis difícil é xustamente iso: atopar o ton idóneo para contar as cousas que quería contar con altura literaria. Deille moitas voltas antes de chegar ao resultado final.
– B: Explíqueme a que se refire con “atopar a voz e a ollada”.
– MS: É o que eu denomino Teoría da Lúa. Canto tempo hai que a humanidade olla para a lúa? Velaí está desde sempre. Desde sempre miraron para ela os seres humanos e desde sempre escribiron sobre o que vían. Ninguén que olle para a lúa e ignore o que xa se escribiu sobre ela pode chamarse escritor. O importante, en realidade, non é a lúa senón a ollada. A ollada é a parte da escrita na que temos que traballar para intentar conseguir dicir algo novo. Nesta novela, a voz da filla era a que eu consideraba crucial para encontrar esa novidade: tanto por esa intimidade da que veño falando como pola parte política da que se fala nese tramo. (…)
– B: Vostede é xornalista. Ultimamente son moitos os colegas de profesión que publican literatura, principalmente por mor da crise, que os deixou con máis lecer do que habían desexar. Incluso a profesora Dolores Vilavedra prognostica que no futuro inmediato esa impronta profesional hase notar na escolla de temas e de estilos. Está de acordo?
– MS: Non sei. Si é certo que hai máis xornalistas sen traballo e que iso pode motivar que teñan máis tempo para escribir literatura. Pero non acredito en que haxa un tipo de literatura “de xornalista”. O que si penso é que durante moito tempo a literatura galega mostrou unha realidade acomodada. Os temas que primaron eran os propios de quen ten máis ou menos a vida resolta. Coido que no futuro si intervirán novas voces que viven o paro e a precariedade, novos ámbitos narrativos aos que as nosas letras foron alleos nos últimos tempos. (…)”