Questionário fou(cinha): María Reimóndez

EntrevistaMaría Reimóndez a María Reimóndez na Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– María Reimóndez (MR): A min tócame a outra cara desta historia, porque non teño fill@s. Hai pouco tempo fun cunha comercial dunha editora a un centro de ensino e, comentando que fago mil cousas e que ando sempre de arriba para abaixo, díxome: ti o que tiñas era que ter un fillo, así parabas. Eu pensei que estaba de broma pero insistiu. Resúltame tan preocupante o feito de pensar que unha non sabe o que quere (levo toda a vida co de “xa cambiarás”, a sorte de facer anos e que deixan de insistir) como o de pensar que andar dun lado para outro e facer mil cousas é indesexable nunha muller e precisa como cura dunha OCUPACIÓN que absorbe a existencia como é aquela de criar outro ser humano…
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– MR: Esta é outra ladaíña recorrente das entrevistas. Eu sempre contesto que se a Manolo Rivas lle preguntan se escribe para homes, porque os seus libros están protagonizados por homes e tratan temas que lles deberían de interesar a eles.
A miña literatura preséntana moitas veces así, e sobre todo como IDEOLÓXICA. Isto é o que máis me define. As novelas de tese e as cousas ideolóxicas. De feito é tan recorrente e aburrido o asunto, tan significativo dunha maneira de ler absurda e sen criterio por parte de certa “crítica” que creo que se cadra a partir de agora só debería dar como explicación de cada libro que é unha novela de tese ideolóxica porque con iso parece que xa queda todo o mundo literario dunha explicado. O patriarcado ten estes modos e maneiras. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– MR: Creo que poucas porque xa se sabe que son unha radical feminista bisexual que come homes por traumas da infancia (como me puxo un comentarista moi agudo unha vez nun artigo de prensa sobre calquera cousa non relacionada con ese “tema”). Se cadra tamén porque manifestei varias veces que dado que pasara uns vinte anos da miña vida lendo homes (por obriga moitos deles) tiña que pasar outros vinte lendo principalmente mulleres. Agora caín no vicio e de homes a verdade é que me declaro ignorante, así que rara vez sacan nada proveitoso de tal pregunta. (…)”