Entrevista a Paulino Pereiro na Palavra Comum:
“- Palavra Comum: (PC): Que significam para ti a literatura e a música?
– Paulino Pereiro (P): Son dúas maneiras de expresar os meus sentimentos de xeito creativo. As palabras e os sons permítenme inventar, crear algo que non formaba parte da natureza e acrecentar o catálogo de sensacións que todos experimentamos. Dalgunha maneira, coa literatura e a música alargamos o mundo, prolongamos a curva da espiral infinita das nosas vidas para sentir algo novidoso, que formaba parte da esencia do noso sentir e que só mediante artes afastadas da comunicación cotiá, como son a música e a literatura, poderemos expresar esa nova realidade.
– PC: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação artística?
– P: Estímulo-resposta. A realidade, ou mellor direi a paisaxe, aguilloa os meus sentidos e esa percepción, disfrazada de música, de historias, ou da filosofía creativa da poesía, provoca unha resposta equivalente, proporcionada aos momentos interiores en que o pensamento sente. O meu proceso é coma min, con melancolía e con alegría, ás veces doe e, as máis das veces, esparexe a ledicia de vivir.
– PC: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura e música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência neste sentido?
– P: Creo que a relación se encontra nas diferentes maneiras, moitas delas mixtas, en que o artista percibe a realidade circundante. Hai artistas que ven, outros oen, outros pretenden ser testemuñas da realidade. Son diferentes puntos de vista que se poden relacionar entre si, en igualdade ou non, pero que sempre aportarán novidade.
En canto á miña experiencia persoal, relacionei música e plástica, música teatral en diferentes estilos adaptados ao contexto (iso fixo que publicase A música teatral como reflexión da miña opción persoal sobre como debe ser a música para a escena). Mais as miñas relacións máis intensas e abondosas son a da música coa poesía (ben en forma de cancións ou ben como eco do recitado dun poema) e mais da música e/ou da poesía coa paisaxe natural. (…)”