Desde Sermos Galiza (foto de Caderno Arraiano):
“(…) O acto de entrega foi o sábado 20 de agosto, ás 20:00 horas, no Centro de Interpretación de Aquis Querquernis, en Porto Quintela (Bande). Antes da entrega Xosé Luís Méndez Ferrín fixo unha semblanza de Reza e Isaac Alonso Estraviz fíxolle entrega da Aguillada Arraiana, que cada ano pasa de man en man, dende o ano 2009, en que Ferrín foi nomeado Arraiano Maior. Entre os distinguidos con este recoñecemento en edicións anteiores están Bento da Cruz, Antonio Lourenzo Fontes, Neira Vilas ou Isaac Alonso Estraviz.
Reza foi elixido Arraiano Maior por unanimidade nunha curiosa acta que fai un repaso pola vida do recoñecido: “E así foise facendo un dos máis grandes defensores da identidade arraiana, da natureza, da paisaxe e da cultura da nosa terra, camiñando sempre, consciente de que andando xurden as boas ideas”.
Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) é enxeñeiro de Montes e experto en medio ambiente, especialmente nas áreas de natureza, biodiversidade, espazos protexidos e paisaxe. Foi director xeral de Conservación da Natureza durante o bipartito e director dos Parques Naturais “Baixa Limia-Serra do Xurés” e Invernadoiro.
Publicou Memorias do Pedal – O camiño portugués a Santiago, Celanova e o vento, con Xosé Luis Méndez Ferrín e unha biografía de Curros Enríquez e outra de Arturo Noguerol Buján, entre outros. (…)”