Compostela: presentación de Un galego no Camiño Portugués, de Xosé Benito Reza

O 24 de xuño, ás 18:00 horas, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, preséntase Un galego no Camiño Portugués, de Xosé Benito Reza, publicado por Edicións Fervenza. No acto, o autor estará acompañado de Manuel González e Valentín García Gómez.

Celanova: actividades destacadas do 23 de maio na Feira do Libro 2019

O 23 de maio ten lugar a Feira do Libro de Celanova (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 10:00 a 20:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para ese día:

12:00 h. Pregón a cargo de Xosé Benito Reza.
13:00 h. Lectura conxunta do poema “Aí ven o maio” a cargo do alumnado do CPR Pablo VI da Rúa e do IES Indalecio P. Tizón, de Tui, que visitan Celanova para participar no programa de Concertos didácticos de órgano.
17:30 h. Espectáculo infantil: A música da auga, por Servando Barreiro
19:30 h. Tertulia sobre os alcumes de Celanova e Vilanova.
20:15 h. Presentación do catálogo da exposición de Baldomero Moreiras, O eco das amazonas.

Xosé Benito Reza: “Aquí puxéronse remendos, pero non se buscaron remedios eficaces para o rural”

Entrevista de Montse Dopico a Xosé Benito Reza en Praza:
“(…) – Praza (P): Dicía nunha entrevista que fixera este libro [Terradentro] como homenaxe ás persoas maiores que lembraba de neno, que tanto padeceran…
– Xosé Benito Reza (XBR): Pasa unha cousa: este é o meu primeiro libro de ficción. Vivo na Praza Maior de Celanova, perto da casa onde nacín. Cando marchei para Santiago, porque fun director xeral de Conservación da Natureza co goberno bipartito, no 2005, a casa de meus pais estaba como estivera sempre: meu pai, miña nai e miña tía Gumersinda, unha señora moi entrañable da que falo tamén na novela. Era unha muller cunha sensibilidade moi especial que, con non ter unha ampla cultura, porque era dunha familia humilde de Vilanova dos Infantes, foi a persoa que me deu a ler os primeiros poemas que coñecín de Curros, de Rosalía –á que admiraba moito-, de Celso Emilio…
Estivera emigrada en Venezuela, coñecera a Celso Emilio alí e fixéranse amigos, polo que tiña libros del dedicados para ela… Pois, cando volvín a Celanova, no 2009, a casa estaba pechada. Era un baleiro absoluto, unha tristeza tremenda, porque nese pouco tempo morreran miña nai –que ademais morreu dunha forma violenta e tráxica- meu pai e miña tía. Entón eu sentín necesidade de repensar aquel mundo. Sempre me gustou moito a novela negra e policiaca e, ademais, meu pai era avogado na vila. Era unha persoa moi ben considerada que sabía moitos dos segredos da vila pola súa profesión pero, claro, nunca contaba nada, aínda que xa dicía el que ás veces, máis que o avogado, parecía o cura, porque lle consultaban cousas que non eran só de avogado… (…)
– P: Algo que pode chamar a atención tamén no libro son as descricións detalladas: dos personaxes, dos ambientes… Facíame pensar nos nosos clásicos…
– XBR: É que eu son un clásico, como me di Ferrín… Por un lado podo dicirche que, claro, o libro trata unha materia moi miña. Eu fun o redactor da lei galega da paisaxe. É un tema que sempre me gustou moito. E xa escribira antes moito sobre os Ancares, o río Arnoia… Por iso é normal que haxa descricións da paisaxe, da natureza… Ademais do interese literario, é algo moi persoal, relacionado coa miña vida profesional. E, claro, si, xa que falas de clásicos, encántame Otero Pedrayo, Ánxel Fole
– P: Xusto: é en Otero Pedrayo en quen pensara.
– XBR: Teño as súas obras nun pequeno altar no meu despacho. E logo que, a ver, a min encántame ler pero non son un home de letras. A miña formación é de ciencias. E penso que Ferrín me deu bos consellos. Cando eu lle preguntaba de onde sacaba tanto vocabulario el dicíame: “lendo, neno, lendo”. E eu son un lector voraz, pero non sei de tendencias e correntes literarias. O que si podo dicirche é que escribín porque sentía a necesidade de escribir e que, ademais, gocei moito facéndoo. Imaxinaba como reaccionarían meu pai ou miña avoa… Pero o libro é un fin en si mesmo. (…)”

Xosé Benito Reza achéganos a Terradentro

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Xosé Benito Reza é enxeñeiro de montes, foi director xeral de protección da natureza e leva traballado e escrito moito sobre a conservación do noso patrimonio verde. Pero ademais Reza é de Celanova e hai pouco publicou a súa primeira novela: Terradentro, coa que gañou o premio Losada Diéguez. Transcorre nos anos 50 e conta tres historias sobre a infancia, e nas que tamén se reflexiona sobre a complexidade do presente. A entrevista pode verse aquí.”

Xosé Luís Axeitos e Xosé Benito Reza gañan o Losada Diéguez de ensaio e creación

Desde Sermos Galiza:
“A biografía de Manuel Antonio e Terradentro, unha novela con misterio sobre a desaparición do mundo campesiño, veñen de ser recoñecidas co premio Antón Losada Diéguez. O galardón, que se fallou este sábado na Casa do Concello de Boborás, outórgase a obras publicadas e atinxe así a súa edición número 33.
Xosé Luís Axeitos (Asados, Rianxo, 1945), académico e ensaísta, é o autor de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais, 2017). O primeiro repaso integral á obra e á vida do autor de De catro a catro valeulle o Losada Diéguez na modalidade de investigación e ensaio. “Con este libro o profesor Axeitos culmina o seu proxecto de nos presentar a Manuel Antonio”, di a xustificación do xurado, “o poeta vangardista e o cidadán liberado de convencionalismos, sempre á procura da liberdade”.
Este “extraordinario traballo de investigación” acompaña a primeira novela de Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) nas distincións do Concello de Boborás. Terradentro (Xerais, 2017), unha obra atravesada de memoria e certa intriga, “escrita nun galego de grande riqueza e cunha firme raíz na variante lingüística ourensá”, “achega un mundo a piques de desaparecer”.
Para o xuri, o traballo de Benito Reza inclúe “personaxes moi ben trabados” cun “ritmo áxil e atractivo”. “Terradentro recolle o mellor da narrativa galega do pasado, en concreto a descrición dos lugares e dos accidentes xeográficos, introducindo novidosos elementos de avangarda que fan da novela o retrato literaturizado da realidade da Galiza interior”, conclúe.
Os premios entregaranse o vindeiro 9 de xuño en Moldes. Do xurado da XXXIII edición dos Losada Diéguez fixeron parte Ana Patricia Torres, Diego Fernández, Manuel Doval, Chus Pato, Francisco Calo, Pegerto Saavedra, María Teresa López, Xosé Manuel Salgado e Henrique Costas.”

Cuestionario Proust: Xosé Benito Reza

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Benito Reza:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
-A ansiedade.
5.– A súa ocupación favorita?
-Observar atenta e repousadamente a natureza.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Dispor do xusto para vivir con dignidade e de tempo para observar e describir o que vexo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder un fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
-Explorador cando había mundo para explorar.
9.– En que país desexaría vivir?
-Sempre en Galicia.
10.– A súa cor favorita?
-A verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A paxariña (Aquilegia vulgaris).
12.– O paxaro que prefire?
-O pisco ou paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
-A novela histórica (Robert Graves).
14.– E na poesía?
-Curros e Celso Emilio.
15.- Un libro?
A estepa de Anton Chéjov.
16.– Un heroe de ficción?
-Corto Maltés, o antiheroe.
17.– Unha heroína?
-Mafalda.
18.– A súa música favorita?
-Cando estou ben Country, cando estou mal Mozart.
19.– Na pintura?
-Paisaxismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-David Livingstone e tamén Domingo Fontán.
21.– O seu nome favorito?
-Cristal.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Os que falan sen escoitar.
23.– O que máis odia?
-A hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
-A defensa dos galos en Alesia no 52 a. C.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Pintar acuarelas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Traballando na miña horta sabendo que os meus fillos están ben.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Inquedo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A confusión produto da desinformación.
30.– Un lema na súa vida?
-Estudar con cabeza, cavilar a modo e traballar arreo.”