A Antígona de María Xosé Queizán, III parte: O incesto como expresión política da igualdade: o impulso de Elvira, por Rosa Enríquez

ArtigoRosa Enríquez por Eduardo Castro Bal de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Entremos xa de cheo na Antígona da dramaturga viguesa. Vexamos como reflicte esas relacións de poder que Elvira intenta subverter, transgredindo as normas do parentesco, da política e tamén da linguaxe. Podemos comezar por Ismene/Aldena, bastante menos interesante que Antígona/Elvira, pero necesaria para dar conta do contraste entre a muller submisa, cómplice do poder masculino, fronte a muller en guerra que representa Antígona/Elvira, co seu carácter irritábel, ardorosa, eroticamente libre, que se expón para situarse nun lugar diferente e asume as consecuencias.
A Ismene, que, na adaptación de Queizán recibe o nome de Aldena, permite ver polo tanto o peso abrumador do deber, que ela asume na súa condición de doente, pasiva e conciliadora. Dobremente dominada, Ismene/Aldena séntese na obriga de compracer ao Estado ­Creonte/Conde Don Oveco -e á familia ­Antígona/Elvira, Polinices/Fruela­, así é que sofre e permanece no ámbito que se considera propio das mulleres, un espazo fechado, que ralentiza o tempo e a expresividade. Nas sombras só é posíbel o pranto, a recepción da dor e a consecuente aceptación da mesma.
Poderiamos entón ver a Aldena/Ismene como unha santa, alguén que nace para compracer, porque, se os homes son seres para a morte, en palabras de Heidegger, nós, as mulleres, somos seres para suavizar a dura existencia do outro. Isto é así na medida en que a finitude constitúe un drama masculino que dispensa certa “auctoritas”. A convivencia consciente con esa dor inevitábel fai aos homes sabios, ademais de os inducir ao heroísmo, bélico normalmente. A posibilidade de devir heroe provoca o desexo e sempre que o desexo acontece o impulso vital aparece. A historia da literatura ofrece probas evidentes de que ese desexo existe. É máis, creo que esa presenza constante da guerra na literatura, cos seus espazos de realización, exclusivamente masculinos, revelan a construción e reconstrución do imaxinario patriarcal, que, dalgunha maneira pode levarnos a interpretar ese afán de gloria como algo que unicamente pertence aos homes. Sendo isto así, só eles poden glorificarse, como Eteocles, ou caer en desgraza, como Fruela/Polinices. Da utilidade da guerra, do impulso vital que suscita fala Roi, o fillo de Oveco, no I Acto, na cuarta escena da obra de Queizán, cando afirma que serve para “xustificar a razón”, porque “A guerra é o pai de todas as cousas. Pon a todos no seu lugar: uns, arriba e outros, abaixo como debe ser” (…)”.