A Coruña: obradoiro de creación O ollo da Arte (I), impartido por Antía Otero

O ollo da Arte. I é un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, onde coñecer, descubrir e compartir a práctica contemporánea, as derivas e os desbordamentos.
Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase a través dun programa definido, un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica artística propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades de cada participante.
Mergullando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, do video á arte urbana, pasando por outras como a performance, o cinema e a literatura, en O ollo da Arte propoñemos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal tendo en conta as derivas e os desbordamentos.
Tod@s aqueles e aquelas que participen en O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar os seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en Normal.
Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo

Datas: todos os martes entre o 4 de outubro de 2016 e o 7 de febreiro de 2017.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: Aula circular de NORMAL.
Prezos: 40€ estudantes / 60€ PAS e PDI / 80€ público xeral / 45€ persoas desempregadas ou con minusvalía.
Participantes: máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 19 ao 30 de setembro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña. As incidencias da matrícula en liña nos obradoiros, serán atendidas no correo info@istoenormal.org ou no teléfono 881 014 502 en quenda de mañá.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 881 014 502. Mail: info@istoenormal.org