Antonio Manuel Fraga: “Gañar un premio non te converte automaticamente en bo escritor”

EntrevistaAntonio Manuel Fraga de César Lorenzo Gil a Antonio Manuel Fraga en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Falando de estilo, en Querido H. P. Lovecraft (novela coa que gañou o I Premio de Literatura Fantástica Antón Risco no 2015) destaca especialmente a súa capacidade para a contención. Unha calidade literaria escasa en xeral nas letras galegas pero que ten aínda máis mérito no caso do xénero fantástico, que pode caer facilmente no sensacionalismo.
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Buscar iso era unha das miñas obsesións. É que cando tiven claro que quería contar na novela e empecei a escribir, decateime de que corría dous riscos. Por unha banda, ao tratar con escritores cunha personalidade moi marcada, nun texto no que suplanto a súa personalidade como escritores, xustamente, era doado caer na parodia. Necesitaba conterme para evitar facer unha novela que caricaturizase o lovecraftismo. E seguindo este fío, precisaba construír un universo fantástico si, pero que fose rigoroso, serio, que mantivese o equilibrio e no que o lector percibise que ese paso ao terror cósmico partía dunha atmosfera realista.
– B: A novela recrea os derradeiros tempos do escritor Robert E. Howard. Este autor fíxose famoso despois de morto pola repercusión popular que tivo o personaxe de Conan, que el creara e que logo se fixo universal en banda deseñada e cinema. Como chega vostede a el e por que contar as súas xornadas finais?
– AMF: Todo nace dun proxecto moito máis ambicioso: achegarme a diversos escritores que se suicidaran. Nese proceso é cando descubro a Howard. Eu lera algunha cousa del e coñecía o Conan, tamén sabía que formaba parte do círculo de Lovecraft, pouco máis. Pero logo encontro que era un personaxe fascinante. A relación que mantiña coa nai, o seu somnambulismo, a propia relación con Lovecraft, que era “virtual”, é dicir, ambos non se coñecían persoalmente, só por carta. E xustamente foi unha carta a que me dá a chave da historia. (…)
– B: En Tártarus hai, a diferenza de Querido H. P. Lovecraft, que ten un perfil máis psicolóxico e individual, un interese máis colectivo e social. Tamén un universo fantástico e mitolóxico potente. Non sei se se basea nalgunha referencia ou naceu todo do seu maxín.
– AMF: Loxicamente hai referencias reais, especialmente na parte “de superficie” do libro. Na parte subterránea, tamén están pero non dun xeito consciente, si me deixei guiar pola imaxinación. Si houbo unha referencia moi evidente na creación dos personaxes a diferentes pinturas que mos inspiraron. Todo xurdiu durante unha visita ao Museo Nacional de Bellas Artes de Cuba. Estaba eu alí na galería de arte contemporánea e empecei a entender que aquelas obras, algunhas delas abstractas, me inspiraban determinados personaxes. Recordo que fixen moitas fotos, a pesar da prohibición e dos insistentes avisos dos traballadores do centro para que non fotografase. Mais como me falaban en inglés, tiven ocasión de facer que non entendía e voltar con varias imaxes que logo me serviron para compoñer criaturas que aparecen na novela. (…)”