Cuestionario Proust: Álex Alonso

Desde alex-alonsoo blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Álex Alonso:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Din que a espontaneidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Que sexan naturais, coma os iogures.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada, porque sei que con elas teño todo.
4.– A súa principal eiva?
– Que non acabo de andar erecto, coma o homus.
5.– A súa ocupación favorita?
– A evasión (non confundir coa fiscal).
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha ventá con vistas ao mar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ser un desgraciado.
8.– Que lle gustaría ser?
– Boxeador ou sacerdote. Por aquilo das obleas.
9.– En que país desexaría vivir?
– Macondo ou Mondoñedo.
10.– A súa cor favorita?
– A multicolor.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A florecente.
12.– O paxaro que prefire?
– O de mal agoiro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Escrivá de Balaguer, por aquilo da devoción.
14.– E na poesía?
– Obviamente, a mística.
15.- Un libro?
Erros e Tánatos, por exemplo.
16.– Un heroe de ficción?
– Mariano Rajoy.
17.– Unha heroína?
– María Dolores de Cospedal.
18.– A súa música favorita?
– O violín de Candela ou a frauta traveseira de Irene.
19.– Na pintura?
– As rupestres.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera persoa con salario indigno.
21.– O seu nome favorito?
– Prometeo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mala educación.
23.– O que máis odia?
– A violencia contra a muller.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Dúas. Porque tanto monta como monta tanto.
25.– Un feito militar que admire?
– A baixada de bandeira.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Converterme en iogur.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Coa solicitude cuberta para formar parte da Santa Compaña.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O do pi pi pi do microondas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que son o espello dos meus.
30.– Un lema na súa vida?
– A estupidez humana é a única cousa que nos dá unha idea do infinito.”