Desde a Deputación da Coruña:
“A actriz, dramaturga, directora, escenógrafa e atrezzista, Lorena Conde é a gañadora do XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña co seu libro Entullo. A obra de Lorena Conde impúxose na decisión do xurado entre os 85 libros presentados, unha cantidade sensibelmente superior á anterior edición.
Un xurado composto por Pilar Pallarés, Lucía Aldao, Marga do Val, Antón Lopo e Gonzalo Hermo, presidido pola vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín coa xefa de servizo, Mercedes Fernández-Albalat, como secretaria, decidiu, por marioria, escoller o libro Entullo, de Lorena Conde Martínez, presentada co lema K.Blum, como gañador do XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña.
O xurado valora na obra premiada a “orixinalidade na construción das imaxes e no tratamento do tema: a visión do corpo como espazo de reconstrución, nun proceso de degradación física e emocional”.
Lorena Conde (Pontesampaio, 1980), é actriz, dramaturga, directora, escenógrafa e atrezzista. Iníciase no teatro universitario primeiro como actriz e despois como directora. Desde 1999 traballa como actriz en varias compañías galegas.
Desde o ano 2000 dirixe varias compañías de teatro amador (Captatio Benevolentiae, Enlata Teatro, Farrapo Teatro) para as que adapta e/ou escribe e pon en escena máis dunha decena de espectáculos, gañando diversos premios como directora e dramaturga.
Desde 2013 é cofundadora de Matrioshka Teatro -compañía profesional gañadora de varios premios María Casares,- na que traballa como deseñadora e actriz, para a que escribe o seu espectáculo Manawee.”