Antón Riveiro Coello homenaxea a Carlos Casares en A ferida do vento

EntrevistaAntón Riveiro Coello de Xesús Fraga a Antón Riveiro Coello en La Voz de Galicia:
“O 11 de xaneiro do 2001 Carlos Casares acompañou a Antón Riveiro Coello na presentación da súa novela As rulas de Bakunin. Ese día os autores compartiron xantar e conversa sobre un sitio ben coñecido de ambos: Xinzo de Limia. Entre outros temas, o faladoiro xirou arredor dos tolos da vila, como recollería Casares na súa sección Á marxe en La Voz ao día seguinte. O que ficou fóra da columna foi o compromiso que adquiriu Riveiro Coello de escribir un libro de relatos a partir do «censo de tolos» que tiña do lugar. Malia empezar algún bosquexo, a idea durmiu nunha gabeta ata que no 2014 o escritor foi nomeado fillo predilecto de Xinzo. «Visitei a casa na que nacera, que fora o cárcere, e alí algúns amigos e miña nai contaron cousas que prenderon a faísca dunha historia», lembra.
O resultado é A ferida do vento (Galaxia), unha novela de iniciación que recupera aqueles toliños como personaxes secundarios, aos que se suma un moi especial, o propio Casares. «A historia transcorre en 1978. Carlos chega a Xinzo con Kristina [a súa muller] e busca historias para os seus libros», describe Riveiro Coello. A homenaxe queda tamén remarcada polo título, unha referencia clara ao Vento ferido de Casares. Se naqueles relatos abordaba o mundo da infancia, en A ferida do vento o foco asúmeo o tránsito á adolescencia. «En só uns poucos días o protagonista coñece o que é medrar a través do coñecemento da morte, a descuberta do amor e as primeiras experiencias do sexo, coa estrañeza que isto produce nel», relata o autor.
Neste sentido, A ferida do vento entronca cun libro anterior de Riveiro Coello, Casas baratas, co que comparte non só a localización en Xinzo, senón tamén a vocación narrativa pola sinxeleza e a claridade, trazos que caracterizaban a obra de Casares. O escritor subliña outra conexión: «É unha novela con moito humor, que funciona como curación fronte a morte e a dor. Esa mestura de ironía e tenrura, que intenta sacarlle un sorriso ao lector no remate de cada capítulo, creo que tamén se atopaba na escritura de Carlos».
Arredor desa historia de iniciación, que se centra nunha relación amorosa marcada pola traxedia, móvense os tolos que tanto fascinaron a Casares e seguen a poboar a lembranza de Riveiro Coello. «Meu pai, que era policía municipal, tiña que controlalos moitas veces cando se puñan agresivos. E moitos deles acababan xantando na nosa casa, algo que amolaba á miña nai. Eu mirábaos con abraio, porque os seus delirios eran unha mostra impresionante de imaxinación», rememora o escritor. Eran situacións que nacían da ausencia de atención para persoas que hoxe estarían ingresadas ou en tratamento farmacolóxico: «A medicina foi boa para a humanidade, pero mala para a literatura». (…)”