A AELG, a través da súa presidencia, leva participando desde o primeiro momento na Plataforma “Seguir creando“, composta por todas as asociacións de escritoras e escritores e sociedades de xestión de autoras/es do estado, e que ten como principal reivindicación que calquera profesional da creación poida seguir creando de forma remunerada despois da súa xubilación sen deixar de percibir unha pensión á que contribuíu durante a súa vida activa. Froito dos diversos encontros coas administracións e os grupos políticos que se fixeron desde esta plataforma (por exemplo, co anterior presidente do congreso, Patxi López), está a lograrse un maior eco en diversos representantes políticos, como pode verse nestas novas remitidas pola Coordinadora de Relacións Institucionais da SGAE, Lucía Álvarez: El País, 30-11-2016 e La Vanguardia-30-11-2016.
Desde a AELG manifestamos o noso compromiso con esta reivindicación, alegrándonos polos progresos obtidos (á espera de vermos a súa concreción legal), ao tempo que nos comprometemos a continuar traballando no marco da plataforma, que volverá a se reunir a comezos deste mes e do que vos enviaremos información, para conseguir un marco legal máis xusto neste campo.