Entrevista de Montse Dopico a Zé Paredes en Praza:
“A Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, celebra do 8 ao 10 de decembro “a primeira iniciativa pública fraguada nos estaleiros da nosa incipiente asociación”, as xornadas sobre dramaturxia galega Dramaturxente. “É chegado o momento de mapear o territorio da creación dramática no noso país, de tentar diagnósticos xenuínos e partillar rotas, trilladas ou por trillar, e de asumir, en fin, unha tarefa colectiva. A de botar ao mar a nave común das autoras e autores dramáticos da Galiza. E para iso, queremos apelar á vosa viva curiosidade e convidarvos para nos acompañar nesta primeira singradura do noso navío”, explica este colectivo na súa web. As xornadas celébranse no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, contando coa intervención inaugural de Manuel Lourenzo. Falamos con Zé Paredes, membro da asociación. (…)
– Praza: Porque é bastante difícil publicar teatro no formato tradicional de libro.
– Zé Paredes: Son moi poucas as editoras que se arriscan a publicar teatro. E é a pescada que morde o rabo: non se publica teatro porque non se le, e non se le porque non se publica. As poucas editoras que publicaban teatro tiveron, moitas veces, unha existencia efémera. E non só non se publica teatro galego que se estea escribindo agora: tampouco hai case tradución. Non temos traducido a galego nin a Valle-Inclán, e nese sentido o 2017 será un ano moi importante para o teatro galego, (ao cumprirse o prazo para que a obra deste autor pase ao dominio público).
Non hai case onde buscar teatro: antes estaban os Cadernos da Escola Dramática Galega, os Cadernos de Laiovento, a revista Casahamlet… Agora queda o pouco que sacan as editoras e tamén a RGT, que acaba de mudar o nome para erregueté, e que está moi ben, -eu agradezo moito o traballo que fan os compañeiros e compañeiras-, pero tampouco pode sacar máis que uns poucos textos ao ano. E o que pasa é que, se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe. Por iso, tiñamos dúas opcións. Ou o faciamos nós, e por iso creamos a plataforma on-line, ou buscabamos a maneira de presionar para que se impliquen máis as editoras e a administración. (…)”