O Centro Dramático Galego remata mañá no Teatro Afundación de Vigo a xira do espectáculo Neorretranca e posmorriña

Desde o Agadic:
“O espectáculo de Centro Dramático Galego (CDG) Neorretranca e posmorriña remata a súa xira mañá venres ás 20:30 h. no Teatro Afundación de Vigo, onde se despedirá do público tras ter ofrecido unha trintena de funcións en oito escenarios galegos.
Tras a súa estrea o pasado 11 de abril no Salón Teatro, sede do CDG en Santiago de Compostela, onde levou a cabo dúas quendas de representacións, a compañía pública viaxou coa súa última produción propia a Tui, Pontevedra, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Ourense. Para este derradeiro pase en Vigo, as entradas poden adquirirse xa a través da web entradas.ataquilla.com.
Dez actrices poñen en escena as dúas pezas arredor das que se constrúe esta proposta: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A través delas, o CDG ofrécelle ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega, tema que é o punto de partida común de ambos os textos.
Este fío condutor compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo. A compañía da Xunta puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Sinopses
A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se desenvolveu a montaxe Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica.
Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes da obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankenstein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.
Varias xeracións de actrices en escena
Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabel Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as 10 intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.
O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballou na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.”

Gena Baamonde dirixirá a nova produción do CDG a partir de dúas pezas de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte

Desde Agadic:
Neorretranca e posmorriña será o título da próxima produción propia do Centro Dramático Galego, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se se lle dá publicidade á convocatoria do proceso de selección das 10 actrices e actores que porán en escena o novo proxecto da compañía pública, con data de estrea prevista para o 11 de abril.
A reflexión sobre a identidade galega é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Bases
Segundo as bases publicadas no web da Agadic, os intérpretes interesados en optar ás 10 prazas de actrices e actores convocadas –catro con categoría de protagonistas e seis de principais– teñen de prazo desde mañá e ata o mércores 19 de decembro para presentar as súas solicitudes xunto con toda a documentación requirida.
Para seren admitidos, os aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego no ámbito cotián e artístico, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ben solicitando unha avaliación lingüística específica.
O proceso de selección constará de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá nun baremo dos méritos profesionais dos aspirantes. Para esta valoración, na que se poderán obter ata 20 puntos, teranse en conta as capacidades interpretativas para espectáculos teatrais (titulación, cursos de formación, interpretación en espectáculos profesionais e afeccionados de artes escénicas, premios…), así como a achega de materiais audiovisuais a través dun videobook de resumo dos traballos en artes escénicas e audiovisuais ou a gravación de traballos puntuais.
Audicións
As persoas que acaden as cinco mellores puntuacións de cada un dos personaxes convocados accederán a unha segunda fase de audicións, con ata 30 puntos en xogo. Neste caso, as probas dividiranse en dúas partes: unha primeira de audición oral/avaliación lingüística e unha segunda de interpretación.
Os textos e indicacións para esta valoración estarán dispoñibles en www.agadic.gal con tempo suficiente para a súa preparación por parte dos actores e actrices que accedan á segunda fase.
As diferentes etapas deste proceso faranse públicas no web da Agadic e no taboleiro das súas dependencias: http://www.agadic.gal/Avisos/detalles/558.”

Comunicado da AELG sobre o Entroido e o dereito á liberdade de expresión

Varios acontecementos dos últimos tempos, e especialmente a feroz crítica que desde sectores ultraconservadores se dirixiu contra Carlos Santiago, pregoeiro do Entroido en Santiago de Compostela, parece retrotraernos a tempos que semellan máis propios do absolutismo medieval e preconstitucional de comezos do s. XIX que dun tempo democrático como debería ser o actual.
Semella que unha neoinquisición anda á espreita, violando e atentando gravemente contra dereitos e liberdades tan básicas como a de expresión ou de lingua.

Máis grave aínda se pensamos que ese ataque furibundo a unha liberdade individual ten lugar nun período festivo como o do Entroido, que é (ou debería ser) unha parodia do que nos pasa na vida, que é cando ridiculizamos o feo e o grotesco, o que nos dá medo e exaltamos a inversión de sexos, de xerarquías sociais…, escenificamos o prohibido, dentro dun marco espacial e temporal e normativo ben regulado e controlado. Unha catarse liberadora para compensar carencias de liberdade que boa falta nos fai como demostran certos ataques retrógrados aos dereitos máis elementais.

Mala cousa que as/os cómicas/os teñan que dar explicacións do seu humor. Mala idea que dramaturgas/os, escritoras/es e poetas teñan que render contas a quen non se toma nin a molestia de escoitalos en primeira persoa. Peor idea é para unha comunidade someter a censura ao entroido e as súas expresións, como se o humor da xente estivese sometido a decisións de parte ou puidese estar sometido a outra cousa diferente da liberdade de expresión e do desexo do pobo de facer a súa propia crónica humorística da vida.
Someter -porque este é o verbo auténtico- a liberdade de expresión de cómicas/os e artistas é o que se pretende con esta campaña de acoso a Carlos Santiago como pregoeiro do Entroido en Compostela. Someter o humor entroideiro para ver se logo se pode someter todo o resto das cousas: a liberdade de expresión, a liberdade de pensamento, a liberdade de movemento e todas aquelas liberdades que forman o catálogo dunha sociedade non só moderna, tamén socialmente madura.
Censurar un chiste ou un gag, censurar o humor, é a primeira forma de censurar a intelixencia, de acabar coa posibilidade de ter outro punto de vista para o mundo. Renegar do humor é como renegar da posibilidade de xogar coas ideas. É renegar de ter ideas.

Diante disto, a AELG quere mostrar a súa solidariedade con Carlos Santiago e rexeitar que esta liberdade esencial, que forma parte da nosa tradición cultural, sexa atacada, ao tempo que rexeita as críticas inxustificadas sobre o seu pregón de entroido e súmase a todas as persoas e colectivos que defenden o traballo e o humor de Carlos Santiago e a liberdade de ter o sentido do humor que nos permita ser máis intelixentes.
Sería moi grave, ademais, que se faltasen aos mínimos criterios de veracidade informativa se os feitos se elaboran “a partir dos recortes de declaración de testemuñas anónimas que disque estiveron alí”.

A AELG comparte o manifesto O Humor é Sagrado, da Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGa, polo que tamén “rexeitamos a terxiversación que das súas palabras se está a facer, así como o acoso ao que está a ser sometido a través das redes sociais e certos medios de comunicación tanto dixitais, como audiovisuais ou en papel, en defensa dun suposto respecto aos sentimentos, que ten como resultado un inxustificable ataque violento á súa persoa e á súa dignidade como traballador do humor e da dramaturxia.”

“Criación teatral arredor do país”

Desde Sermos Galiza:
“Reflexionar sobre a identidade galega en chave teatral. Ese é o obxectivo do primeiro Grupo DramaturXa, unha experiencia en que dez autoras e autores desenvolverán cadansúa peza teatral a partir do traballo individual e colectivo. Das obras resultantes, tres han de ser escollidas para levar a escena en produción propia do Centro Dramático Galego, impulsor da iniciativa xunto coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA.
A listaxe coas integrantes do grupo de escrita, coordinado polo escritor e director escénico valadourés Manuel Lourenzo, publicarase o vindeiro 9 de febreiro. Este xuntarase durante seis meses no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en horario de 10 a 15 horas, duás veces ao mes. As persoas interesadas en entrar no proceso de selección, responsabilidade dunha comisión constituída por profesionais do sector, poden enviar as súas solicitudes até o 22 de xaneiro, seguindo as instrucións que se indican no web www.centrodramatico.gal.
“Un teatro forte para un país forte”
O célebre dramaturgo Manuel Lourenzo será o encargado de asesorar os dez creadores. O valadourés explica que tentará abordar o tema central da identidade nacional abrindo unha serie de posibilidades para que cada persoa tome unha ramificación. “Repasaremos elementos fundamentais da identidade, como a lingua, a historia, a expresión política e a relación do teatro con esta”, engade.
O director teatral, cuxa carreira estivo sempre enfocada cara a un teatro galego e contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas e estéticas, gaba a profesionalización do sector nos últimos tempos. Lourenzo, que fundou e impulsou compañías como Casahamlet ou a Escola Dramática Galega, incide tamén na necesidade de que este novo teatro sexa unha expresión artística “de contestación, que integre todas as voces”.
Cun panorama actual de avellentamento, decadencia rural e a crise económica, o dramaturgo pon en valor o papel do teatro como actor social. “O diñeiro non fai todo, porque se queremos un país forte, necesitamos un teatro forte que dialogue de ti a ti, que fale polo país”, conclúe.
Mais iniciativas
A iniciativa do Grupo DramaturXa está enmarcada dentro do programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea que o CDG mantén coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa. Dentro do mesmo, o CDG porá tamén en marcha este ano outras tres novas iniciativas.
Así, Teatrhoxe será a denominación dun apartado específico na nova web do Centro Dramático Galego, onde cada tres meses se publicará unha reflexión escénica ou pequena peza teatral de autoría galega, mentres que Lanzadeira porase a disposición dos creadores, a través dunha convocatoria pública, para presentar ou facer unha lectura dun fragmento das súas obras inéditas. Ademais, un dos talleres formativos desta temporada estará orientado especificamente á escrita teatral.”

AveLina Pérez gaña o I Torneo de Dramaturxia de Galicia

Desde Cultura Galega:
“A Salasón de Cangas acolleu na noite deste martes a celebración do I Torneo de Dramaturxia de Galicia, unha iniciativa que se integra na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas en colaboración con DramaturGA, Asociación Galega de Dramaturxia. A iniciativa reuniu textos de seis autores teatrais que foron lidos de xeito dramatizado por actores e actrices. O público foi o responsable de seleccionar o preferido. Con Esther F. Carrodeguas como mestra de cerimonias, competiron no evento creacións de Noelia Toledano, AveLina Pérez, Afonso Becerra de Becerreá, Roi Vidal Ponte, Carlos Labraña e Julio Fernández. Finalmente foi AveLina Pérez a que se impuxo co texto Os arroaces son animais sucios e desesperados. A obra é un diálogo entre unha muller soa e un robot de compañía con quen se dispón a compartir unha velada romántica.”

A AELG apoia a Declaración a favor da adscrición das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade

Plataforma pola incorporación das Ensinanzas Artísticas Superiores (EEAASS) ao sistema universitario galego.

Declaración a favor da adscrición das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade

Reunidas en Compostela, o pasado día 1 de febreiro de 2017, convocadas pola Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores na Universidade, as asociacións e entidades que máis abaixo se sinalan acordan trasladar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o seu apoio á petición da Plataforma en relación coa adscrición das ditas ensinanzas ao sistema universitario galego.
En consecuencia, e tendo constancia de que existe un amplo consenso en todos os sectores implicados (alumnado, profesorado, sindicatos do ensino), ao que se suman as asociacións e entidades que promoven esta petición, e sabendo que a adscrición vai resultar sumamente positiva para a posta en valor das titulacións (con graos e posgraos), para a mellora da súa calidade, para equiparar os dereitos do alumnado, e moi especialmente para facilitar unha máis fluída e produtiva relación dos centros superiores co tecido cultural de Galicia en todo tipo de actuacións e programas,
SOLICITAN da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, segundo establece a LOMCE no seu artigo 58 (7 e 8), se poñan en marcha os mecanismos que permitan que as ensinanzas artísticas superiores e os centros que as imparten inicien a súa adscrición á universidade no curso escolar 2017-2018, proceso para o que ofrecemos todo o noso apoio e a nosa leal colaboración.

Academia Galega do Audiovisual
Asociación Cultural A Pipa de Becerreá
Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)
Asociación de Conservadores e Restauradores (ACRE)
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia (AFEARTE)
Asociación Galega de Guionistas (AGAG)
Asociación Circonove
Asociación de Profesionais de Circo de Galicia
Asociación de Tradutores Galegos (ATG)
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg)
Dramaturga. Asociación Galega de Dramaturxia
ESCENA GALEGA, Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas
FEGATEA, Federación Galega de Teatro Afeccionado
Nova Escola Galega (NEG)
Unión de Titiriteiros Galegos (UNIMA Galicia)

Conforman a Plataforma:
Asemblea de alumnas e alumnos do CSM de A Coruña; Asemblea de alumnas e alumnos do ECRBC de Galicia; Asociación de alumnos e alumnas do CSM de Vigo; Asociación de alumnos e alumnas da ESAD de Galicia; CIG Ensino, Confederación Intersindical Galega; Comisións Obreiras. Federación do Ensino de Galicia; Conservatorio Superior de Música de Vigo; Conservatorio Superior de Música de A Coruña; Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia; FETE-UGT Galicia; STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia; Asemblea aberta de nais e pais en apoio da Plataforma pola Incorporación á Universidade das EEAASS.

Zé Paredes: “Se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe”

Entrevista de Montse Dopico a Zé Paredes en Praza:
“A Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, celebra do 8 ao 10 de decembro “a primeira iniciativa pública fraguada nos estaleiros da nosa incipiente asociación”, as xornadas sobre dramaturxia galega Dramaturxente. “É chegado o momento de mapear o territorio da creación dramática no noso país, de tentar diagnósticos xenuínos e partillar rotas, trilladas ou por trillar, e de asumir, en fin, unha tarefa colectiva. A de botar ao mar a nave común das autoras e autores dramáticos da Galiza. E para iso, queremos apelar á vosa viva curiosidade e convidarvos para nos acompañar nesta primeira singradura do noso navío”, explica este colectivo na súa web. As xornadas celébranse no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, contando coa intervención inaugural de Manuel Lourenzo. Falamos con Zé Paredes, membro da asociación. (…)
– Praza: Porque é bastante difícil publicar teatro no formato tradicional de libro.
– Zé Paredes: Son moi poucas as editoras que se arriscan a publicar teatro. E é a pescada que morde o rabo: non se publica teatro porque non se le, e non se le porque non se publica. As poucas editoras que publicaban teatro tiveron, moitas veces, unha existencia efémera. E non só non se publica teatro galego que se estea escribindo agora: tampouco hai case tradución. Non temos traducido a galego nin a Valle-Inclán, e nese sentido o 2017 será un ano moi importante para o teatro galego, (ao cumprirse o prazo para que a obra deste autor pase ao dominio público).
Non hai case onde buscar teatro: antes estaban os Cadernos da Escola Dramática Galega, os Cadernos de Laiovento, a revista Casahamlet… Agora queda o pouco que sacan as editoras e tamén a RGT, que acaba de mudar o nome para erregueté, e que está moi ben, -eu agradezo moito o traballo que fan os compañeiros e compañeiras-, pero tampouco pode sacar máis que uns poucos textos ao ano. E o que pasa é que, se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe. Por iso, tiñamos dúas opcións. Ou o faciamos nós, e por iso creamos a plataforma on-line, ou buscabamos a maneira de presionar para que se impliquen máis as editoras e a administración. (…)”