Preséntanse máis dun cento de novelas á convocatoria en galego do Torrente Ballester

Desde Sermos Galiza:
“Esta primeira convocatoria do Premio, promovido pola Deputación da Coruña, acadou cifras de récord: 18 obras finalistas das 101 presentadas, o que supón máis do dobre da edición que máis obras en galego recibiu: a do 2009 con 47 títulos.
Supoñemos que a razón que explica semellante éxito é a dotación económica, que ascende a 25.000 euros, máis do dobre dos máis suculentos premios da literatura en galego que existían até o momento: o Repsol de Narrativa Curta (12.000 euros máis publicación), o Blanco Amor (ídem) e o Xerais de novela (10.000 euros incluíndo os dereitos de autor dos 3.000 primeiros exemplares vendidos).
Nesta edición, por vez primeira, a Área de Cultura da Deputación da Coruña convocou dúas edicións separadas deste galardón, unha para obras en lingua galega e outra en castelán. O día 13 de decembro coñeceremos o orixinal gañador en galego e a vindeira terza feira, día 20, será a quenda da modalidade en español.
O xurado da modalidade galega está composto por Ledicia Costas, Mario Regueira, Ramón Nicolás, Mercedes Queixas e Eva Moreda. (…)”