Daniel Asorey: “Interesábame plasmar de que forma un pobo que acaba de se liberar da opresión é quen de oprimir”

Entrevista de Montse Dopico a Daniel Asorey en Praza:
“A República das Santas Irmandades da Galiza, estado independente que xurdira do triunfo da revolución irmandiña, agocha as miserias da Compañía Galega de Indias no discurso sobre a prosperidade nacional. Galiza aliárase cos indíxenas do Brasil, unha das súas colonias, para deter as pretensións portuguesas. Vencera a Portugal e Castela mais, moito tempo despois, os fascismos portugués e castelán ameazaban a república galega, gobernada por Castelao. Todo isto e moito máis pasa en Nordeste, a novela coa que Daniel Asorey gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol. Unha ucronía que imaxina un pasado distinto a unha realidade “subalterna e silenciada” como a galega. Mais sen idealizacións. E rompendo, malia que se cadra non o pretenda, uns cantos mitos.
– Praza (P): A República das Santas Irmandades de Galiza é un Estado independente, mais imperial, cunha historia colonial. Por que darlle a volta a historia así? Quero dicir, poñerlle a un país cuxa historia foi negada un pasado colonial, imperial…
– Daniel Asorey (DA): Cando escribín esta novela tiña claro que pretendía darlles voz aos que non tiveron nin teñen voz, entre eles, por suposto, a miña nación, unha matria que leva vivindo séculos silenciada nunha situación de subalteridade. Para iso inventei a República das Santas Irmandades da Galiza, unha terra que cando comeza a novela semella ser o que moitas e moitos quixeramos que tivese acontecido. Unha República próspera nacida dunha revolta, que existiu, contra os señores feudais, e que aquí, na novela, triunfou. Mais eu non pretendía facer unha utopía, non quería contar un conto de fadas. O que hai nunha das tramas do texto é unha ucronía que consiste en responder á pregunta: Que acontecería se os irmandiños gañasen? (…)
– P: Que escribiches antes? Desde cando escribes e por que e a primeira vez que publicas unha novela?
– DA: No ámbito de ficción, antes desta novela escribín relatos que resultaron premiados en distintos certames como o da Asociación Cultural Cidade Vella, en 1988, o de Relato Curto Terra de Melide 2001 ou o Manuel Murguía en 2002 e tiña publicado en revistas e en obras colectivas. Escribo dende cativo, por necesidade, para respirar no medio dunha realidade que moitas veces abafa, aínda que nunca falei diso en público, por pudor e porque un nunca está seguro da calidade do que fai e, por suposto, aspiraría a facelo mellor.
Creo que por iso lle chamou a atención mesmo a xente coñecida. Alén diso, eu para escribir unha novela preciso un tempo continuado que ao traballar resulta difícil de atopar. Penso que escribir ha ser semellante a ser unha tecelá que debe ir devagar, ao xeito. Na cabeza hai unha idea e tes que atopar e unir os fíos para construíres eses mundos novos. Nese sentido, o premio Repsol supón unha axuda, un ánimo grande e aporta unha certa confianza nun mesmo.”