Cuestionario Proust: Raúl Dans

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Raúl Dans:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Conciliador.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Xenerosidade, sentido do humor, empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
-Veño de descubrir que son máis preguiceiro do que cría. E túzaro.
5.– A súa ocupación favorita?
-Confesable? Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ver felices as persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Quitando perder as miñas fillas, que ninguén me quixese.
8.– Que lle gustaría ser?
-Un escritor deses que se seguen lendo dentro de cen anos.
9.– En que país desexaría vivir?
-Galicia non está mal, aínda que cadra un pouco lonxe de todo.
10.– A súa cor favorita?
-As do outono.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A flor do lirio.
12.– O paxaro que prefire?
-No mar, as gaivotas; nos parques, pombas e estorniños; o merlo, o pardal e a pega, no eido. E así.
13.– A súa devoción na prosa?
-Sempre me asombrou que Jan Potocki puidese escribir o seu Manuscrito atopado en Zaragoza sen usar metáforas nin comparacións.
14.– E na poesía?
-Emily Dickinson.
15.- Un libro?
-Un que lin recentemente: Stoner de John Williams.
16.– Un heroe de ficción?
-Gulliver. Todo o que viaxa. E a min hai que me sacar da casa a empurróns.
17.– Unha heroína?
-Alicia. As cousas inquietantes que lle pasan e con que enteireza as afronta a rapariga. Se son eu, nin con terapia electroconvulsiva me recupero de semellante pesadelo.
18.– A súa música favorita?
-Ramones, Patti Smith, Leño… Bach, Mozart, Schubert…
19.– Na pintura?
-O Bosco, Van Gogh, Pollock… Hai dous cadros que me gustan especialmente: “A orixe do mundo” de Courbet e “Nachtmahr” de Füssli.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-De cativo coñecín un heroe: Esparza. Salvou un amigo meu de morrer afogado no río.
21.– O seu nome favorito?
-Os nomes así, sen persoa, non me din moito.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Impuntualidade.
23.– O que máis odia?
-Non poder comer todos os doces e as lambonadas que me pete.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Os ditadores e os xenocidas.
25.– Un feito militar que admire?
-A vitoria aliada na batalla das Ardenas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Saber pintar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Morrer? Quen? Eu?
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Bastante murcho ultimamente, pero adoitaba ser un tipo alegre e disposto.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Na ficción practicamente todos, pero na vida real cada día aturo menos até o defecto máis insignificante.
30.– Un lema na súa vida?
-Deixa vivir.”