O cubil das letras de… Eli Ríos

Desde Lermos.gal:
“Poucas cousas acompañan a escrita. Unhas necesarias, outras imprescindibles.
Necesario ese router 4G porque, a estas beiras, aínda non chegan os fíos. Necesaria esa libreta co seu boli porque os vellos costumes nunca acaban por deixarnos.
Imprescindible esa xanela, na que acostuma estar a gatiña, que cando se abre trae os recendos do océano e o falar da rúa. O océano. Unha constante nas páxinas en branco. A liña de fuga da miopía. O falar da rúa, desa pega que, cada mañá, vén roubarlle a comida á cadela do veciño.
Imprescindible ese R2D2 que me agasallou un día porque si, sen razóns especiais, o meu fillo. Porque a escrita sen os afectos é calquera outra cousa.
Imprescindible ese compás, que non sae na foto, e sinala un noroeste porque non sempre é preciso procurar o norte.”