Amor é unha palabra coma outra calquera (Galaxia), de Francisco Castro

Entrevista a Francisco Castro desde Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cuestiona en Amor é unha palabra coma outra calquera a falsidade do amor prefabricado. De feito Carla, a protagonista desta historia, o que realmente ama é unha idea de amor.
– Francisco Castro (FC): Creo que a meirande parte da poboación, nun momento ou outro das nosas vidas, caemos nese tipo de cuestións. Na novela afírmase que non somos animais racionais, senón que somos animais fantásticos, porque estamos sempre elaborando fantasías e quimeras ás que nos pegamos e que tomamos por verdadeiras, nisto entra entre outras cuestións unha idea de perfección romántica. Isto é o que lle acontece a Carla e a outras moitas mulleres, que dende nenas soportan a idea de que están incompletas, que son medias laranxas, e para completarse precisan dese príncipe ideal que vai sacar o mellor delas e que é un dispendio de virtudes… Esa idea é moi incapacitante para quen a cre, por iso a novela é moi virulenta contra esa idea.(…)
– FL: Volve aparecer como escenario da novela a súa cidade, Vigo. Como escritor ten a capacidade de inventar personaxes e crear historias, no entanto, é máis difícil crear os lugares onde acontezan esas historias e por onde transiten eses personaxes?
– FC: Imaxino que algún día podería escribir unha novela dun lugar que non coñezo. Verne non estivo nin no centro da Terra nin na Lúa, evidentemente. No meu caso sempre repito aquilo de Miguel Torga de que o universal é o local sen paredes, e remítome a Woody Allen, onde agás un par de películas onde lle pagaron para que saíran determinados lugares, están ambientadas na illa de Manhattan, e non por iso van deixar de ser historias universais onde todos e todas nos recoñecemos.
Para min o escenario máis real é o barrio de Teis, e Amor é unha palabra coma outra calquera é Teis levado ao extremo. Agás un momento no centro de Vigo, outro no cemiterio e outro no tanatorio, todo acontece nunha única rúa e na parte de atrás desa rúa do barrio de Teis. Creo que unha novela de amor, ou unha novela de aventuras ou do que sexa pode estar ambientada en calquera lugar. Vibramos coa Odisea e estamos en espazos totalmente míticos, que nunca existiron, pero o importante son os sentimentos, o que nos consigue transmitir e as tramas. Ao final na literatura buscas emoción. (…)
– FL: O máis difícil é a capacidade de sorprender? Escribir sobre conceptos que todos temos moi asimilados pero que aínda así sexa quen, como escritor, de ofrecernos unha nova cara desa historia?
– FC: Ese é o gran reto. Para min cada novo libro é máis difícil que o anterior. Cada vez faise máis difícil. Dende que publiquei o meu segundo libro o que me aterroriza de verdade como escritor é repetirme. Non quero repetirme. Ben é certo que poden aparecer similitudes no estilo ou nas temáticas, pero o importante é contar o que se leva contado toda a vida pero facéndoo doutra maneira. Iso é unha cortesía cara as lectoras e lectores. Cando alguén entra nunha libraría vaise atopar con miles e miles de títulos, e independentemente das campañas de marketing, dentro dos libros ten que haber algo, e ese algo tense que notar no segundo ou no terceiro parágrafo. Son dos que pensan que o autor xógao todo nesa primeira páxina ou nesas primeiras liñas. Saramago, un autor referencial para min, escribía os seus libros e cando remataba escribía o primeiro capítulo. Cando xa tiña toda a historia, toda a trama, agora necesitaba enganchar ao lector. É maxistral nese sentido o inicio do seu Ensaio sobre a cegueira. (…)”