A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá do sábado 11 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, no Museo do Pobo Galego.
A secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, fixo un balance de 2016 que se pode consultar aquí.
A Asemblea acordou outorgar os Premios Mestres/as da Memoria 2017, galardóns que se entregarán na II Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo a finais da primavera, ás Pandereteiras da Alén (Xirarga, Beariz, Ourense), Orosia Gil Ramos, Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos; e mais a Serafín Mourelle.
As Pandereteiras da Alén son herdeiras do Xiles, Os Xilotes, criados ao calor da fragua, e levan toda unha longa vida animando os seráns e festas da súa comarca; Serafín Mourelle, mariñeiro e poeta, aos catorce anos embarcou de axudante de cociña, e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta, el foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Nunca esqueceu as súas orixes humildes e por iso dende hai moitos anos milita -rara avis entre os patróns- no PCE. Tamén é autor da novela Cartas ao meu avó, na que narra a súa aventura na mariña mercante, no banco Canario-Sahariano e nas augas do Gran Sol.
A Asemblea aprobou tamén nomear Escritora Galega Universal 2017 a autora portuguesa Hélia Correia, distinción que se recollerá na Gala do Libro Galego 2017 que terá lugar o 20 de maio na cidade de Santiago de Compostela, organizada conxuntamente entre a AELG, a AGE e mais a Federación de Libreiros de Galicia, co obxectivo de reforzar o sector do libro galego.
Así mesmo, acordouse que Pilar García Negro sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo terceira edición; será no mes de xuño no Concello de Lugo.
Alén de escoller o novo Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano proposto pola presidencia. Así, está en andamento o programa de dinamización do Día de Rosalía de Castro, dirixido tanto a actividades escolares en horario lectivo como a accións cidadás espalladas polo país, en colaboración con concellos, movemento asociativo, etc. O día 19 de febreiro terá lugar o acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres onde se lerá o manifesto da AELG, así como textos da autora, e rematará coa ofrenda floral.
As actividades vinculadas á Sección de Literatura Oral son, alén da II Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria en Lugo, a gravación ao mestre da Memoria Serafín Mourelle, dúas Polafías e mais a décima edición da Xornada de Literatura Oral, que este ano levará como título “Palabras con memoria”.
Asemade, continuarase coa divulgación das Palabras con memoria desde o noso espazo web e mais desde a sección dixital do xornal Sermos Galiza.
O 20 de maio celebraremos no Teatro Principal de Compostela a II Gala do Libro Galego,
O programa contempla a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura; así, a colaboración coa Universidade de Vigo continuará desenvolvendo un novo ciclo dos Escritores na Universidade, e coa USC concretarase nunha nova edición do curso sobre “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora”. Darase continuidade tamén á colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación de Ourense para coorganizar un ciclo de conferencias centradas nos autores e autoras da LIX galega e aumentar a súa visibilidade entre alumnado universitario, futuros profesionais da docencia. Iniciarase colaboración coa facultade de Ciencias da Educación da UDC para achegar a formación en LIX aos futuros mestres e mestras. Ademais, Tratarase de dar continuidade ás Xornadas de Literatura e Ensino.
Está confirmada xa a posibilidade de continuar a desenvolver proximamente un obradoiro da Escola de Escritoras/es en Pontevedra coa colaboración do concello e outro coa Deputación de Pontevedra, así como a actividade coñecida como “Paseos literarios” polas cidades de Pontevedra e probabelmente A Coruña, con posibilidade de espallármola a outros novos lugares na provincia de Pontevedra.
Tratarase de manter o contacto cos Centros de Estudos Galegos do exterior e lectorados, para tratar de achegarmos a literatura galega ao alumnado estranxeiro que se interesa no estudo do noso idioma e cultura.
Para o outono terá lugar na Coruña unha nova edición, a segunda, das Xornadas de Literatura Dramática; e mais, en Pontevedra, un Congreso de Poesía, que fará unha revisión do xénero durante os últimos 40 anos.
Continuarase coa actualización da dixitalización de paratextos, a videoteca de autores/as para a web, así como coa ampliación da nova sección que pretende recompilar o arquivo da memoria fotográfica literaria dos nosos socios e socias, dado que a visibilidade da escritora e do escritor a través da web seguirá sendo un eixo central da actuación da entidade, co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG. A sección da web “O Territorio do/a Escritor/a” será ampliada nunha ou dúas novas propostas.
Finalmente, o presidente someteu á consideración das asistentes a posibilidade de promovermos desde a AELG a creación dun Parlamento de Escritores/as, un foro de compromiso que tomaría forma nunha reunión asemblear na que estes serían convocados polo Consello directivo da AELG, para debater e tirar conclusións, arredor da liberdade de creación do escritor-a na Galiza e noutras culturas do mundo, e doutros temas que non sempre terían relación directa coa literatura ou coa escrita literaria mais que sempre terían alto contido ético ou concernente á defensa da xustiza e da liberdade do ser humano nas súas máis diversas formas. A defensa dos dereitos humanos na Galiza e no mundo, sería a cerna dos valores irrenunciábeis que guiarían este Parlamento nas súas temáticas e convocatorias, nas súas reivindicacións e pronunciamentos. Os escritoras e escritores galegos poden e deben achegar a súa visión crítica da sociedade en xeral e da galega en particular, pois é necesario o activismo intelectual das escritoras e os escritores para petar na conciencia da sociedade. O desenvolvemento da súa convocatoria será concretado polo Consello Directivo nunha próxima reunión.