“Deixarse ir”, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Seguramente deba comezar esta recensión con dúas confesións. A primeira ten que ver coas miña suspicacias ante iso que se chama noutros sistemas literarios “literatura de viaxes”. Debo admitir que as narrativas, en particular de suxeitos británicos brancos, sobre “outros lugares” sempre me provocan unha cella levantada e unha sospeita aprendida. Non en van é esta unha literatura adestrada en colonizar, facer estraño e ridiculizar o que non se axusta ao “mundo coñecido”. Por veces as narrativas disfrazan o racismo con “humor”, outras caen na forma máis moderna do colonial: o exotismo. É unha tradición literaria que atopo detestable e que lembro dos meus días adolescentes lendo crónicas aparentemente graciosas de señores que ían vivir á Toscana ou á Provenza e atopaban todo fondamente “peculiar”.
A segunda confesión ten que ver coa miña fascinación cada vez maior polo xeito en que os libros chegan ás persoas, e as persoas aos libros. Os procesos non teñen por que ser os agardados e evidentes. Con frecuencia hai alguén que nos recomenda un texto, ou un libro chama por nós nunha librería. Na Sega pásanos moito que a miúdo unha de nós descobre alfaias que as demais quedamos con gana de ler. O libro do que escribo hoxe chegou a min dun xeito lixeiramente diferente, pola curiosidade que me provoca compartir espazo con escritoras e escritores doutros lugares con coñecemento do que fan. Saber de que escribía Eluned Gramich formaba parte do afán de saber quen era esta autora de orixe galesa e alemá coa que ía compartir tempo nun festival literario en Hyderabad.
Ao saber que o seu libro era unha memoria dunha estadía no Xapón, non puiden evitar regresar á cella levantada da miña primeiro confesión e, sinceramente, agardar o peor. É agradable que os feitos nos contradigan nestas cousas, pois a voz de Eluned Gramich marca unha distancia e unha fenda coa tradición da literatura de viaxes británica que paga a pena explorar. Pode que se cadra ser galés parlante, malia escribir esta obra en inglés, marque unha distancia necesaria con este tipo de relatos. Pode, simplemente, que a sensibilidade e experiencia autorial partan dun afán consciente de criticar o discurso adquirido. Mais o certo é que esta Muller que trae a choiva dista moito das narrativas que antes mencionaba. (…)”