Artigo de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Deshabitar a casa, o libro de poemas de Miriam Ferradáns (Bueu, 1982), que vén de levar o Premio Francisco Añón de Poesía, ábrese cuns versos do poeta cubano José Martí. Estes concretamente: “As verdades elementais/caben nunha á de colibrí”. Coido que os escolleu con moito tino, pois quen lea o libro poderá decatarse de que si, en efecto, os versos de Martí son un anticipo da trama poética que Ferradáns desenvolve neste traballo. Certamente, estamos ante un relato tenso e intenso no que a presencia dos paxaros é constante. É coma se estas aves traducisen unha inquietante teima interna, a da propia animalización que arrodea os habitantes desa casa. “Viñeron en grupos ben organizados e chamáronlle bandadas”, podemos ler xusto despois desa cita de Martí. Con este verso sitúanos, sen contemplacións, dentro da casa. Unha vez alí, recibimos con intranquilidade esa bandada. Mais, que bandada? A dos paxaros. Chegaron e invadiron todo, porque estaba aberta. Daquela, aclara, “Ninguén os puido acusar de invadir o noso espazo”. Evidentemente o conxunto entrou nese lugar libremente, sen oposición de ningún tipo. Esta maneira de entrar e trazar unha danza devastadora non sucede en todas as casas, só nas dos pobres. Por iso a voz de Miriam murmura entre paréntese, ao final dese poema, “Din que sempre están abertas as ventás das casas dos pobres”. Ata aquí, tan só as primeiras liñas deste relato poético desgarrador, que quere situarse no centro da ferida, coma quen vive en guerra co instinto e ofrece, por tanto, a crónica do fracaso, dun intento estéril de se sobrepór ao medo e vencer: “Ás veces escoitabamos o lobo/ e trababamos na lingua ata facernos sangue/ porque algúns fluídos impiden, no instante, a palabra:/ tragas ou esganas”. As persoas que habitan ese lugar en ruínas, saben dos lobos, dos paxaros, están preparadas. E ceden: “Viñeron todos contra nós e deixámonos comer”. Entregan o que son: a súa liberdade. Estamos ante un relato tenso, insisto, que sitúa a escrita de Miriam nun punto singular e atraente: na narratividade poética, a golpe de disparos. Non hai explicacións minuciosas, nin xogos de palabras. Nada. Só a sinxeleza, a capacidade de nos saber tensar e poñer en xaque. Non temos moi claro se se trata de licántropos -aparece a figura do lobo, no papel que lle é propio ao longo da literatura, se cadra inxustamente- ou de paxaros mordedores, tampouco temos moi claro, nunha primeira lectura, se eses paxaros representan o conxunto de persoas que criminaliza a pobreza ou simplemente os comedores ávidos de miseria, que, na súa mediocridade, buscan matar para ser. Non temos nin idea, porque Miriam simplemente lanza versos, bótaos no papel, suxire. É esta suxerencia a que dispensa ese carácter seductor ao que escribe. A autora narra poemas, poetiza contos, escribe e describe, constrúe imaxes en branco e negro para nos amosar a grisalla. É clara, directa, renuncia as trampas da linguaxe. Sen esforzo nin dobrez consegue ubicarnos dentro dese espazo estraño, de ventás abertas, no medio dunha situación cruenta. “Foi un canibalismo amábel, como amar/e como amar,/ había premeditación na dentada”. Puidese ser que a fame, como amar, fose quen de incitar ao devandito canibalismo, que, en certo xeito, devén neste relato poético unha urxencia. Quen come a vida allea, que asume esa condición de alimento útil, sobrevive. (…)”