Aurora Marco: “As mulleres de hoxe non chegamos ata aquí por xeración espontánea. Houbo outras que o fixeron antes”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Aurora Marco en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai algún ámbito no que o esquecemento ou o silenciamento das mulleres fose maior?
– Aurora Marco (AM): En xeral, o descoñecemento sobre as achegas das mulleres sempre foi moi grande, sexa no ámbito que for. Iso funcionou como un mecanismo case automático: silenciar máis esquecer, é igual a invisibilizar. Durante moitos anos, co recurso da excepcionalidade semellaba que xa estaba todo feito: para o século XIX, por exemplo respecto ás escritoras, Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán aparecían en enciplopedias, algún libro de texto, nalgún congreso… E insistíase: “É que non hai máis”. Claro que había, e moitas… E isto acontecía en todos os campos. De todos xeitos, cando comecei co Dicionario de mulleres galegas, a finais dos 90, decateime que as científicas apenas eran coñecidas. Tamén había un baleiro informativo ben grande sobre as mulleres que tiveran actividades político-sindicais, sobre as represaliadas en xeral e sobre as guerrilleiras antifranquistas, en particular.
Hoxe mesmo, se preguntamos polo nome dunha científica, cun pouco de sorte, escoitamos “Marie Curie”. Das galegas, nada ou moi pouco. Cando falo da invisibilidade que houbo ata hai pouco das guerrilleiras, sempre lembro unha pregunta que me fixo un historiador, non galego, nun congreso sobre a guerrilla en Santa Cruz de Moya (Cuenca). Sabía moito do movemento guerrilleiro en Galiza mais botou un sorriso, que aínda hoxe non sei ben como cualificar, e dixo: “Hóuboas?, De quen vas falar?”. (…)
– P: O libro Elas publicouse nunha edición moi coidada, numerada e de tirada limitada. Tedes previsto realizar unha edición máis masiva?
– AM: Ben me gustaría e así o comentei publicamente nalgunha presentación. Mais entendo a resposta do editor: A Xanela Editorial comezou e seguirá con estes libros artísticos porque ese é o obxectivo de Xosé Manuel Calviño, que coñece ben o mundo en que traballa porque antes de fundar a súa editora, traballaba no sector comercial con libros deste tipo. Ese sería o meu desexo e o doutras moitas persoas que así o verbalizaron nas diferentes presentacións. De todos xeitos, non se trata dun volume para colocar nun andel e ficar alí como unha figura de cerámica: o libro, coas serigrafías que o acompañan, está nas principais bibliotecas do país e, polo menos, quen tiver interese, pode consultalo. E, da xente que o adquiriu, cónstame que xa se está lendo… E algo máis: para quen fixo algún comentario sobre Elas, en petit comité, direi dúas cousiñas: un, é un libro sen subsidios de ningún tipo; e dous, non merecen as galegas unha edición de luxo? Meréceno, si.”