O cubil das letras de… Concha Blanco

Desde Lermos.gal:
“Eu vivo nunha casa e aínda que moitas persoas pensan que iso é unha sorte, un privilexio (máis espazo, menos ruído…) non pensedes que está exento de problemas. No meu caso é así, pois non teño un só recanto para min. Teño dous. Un na planta baixa e outro no primeiro andar, que os uso segundo as circunstancias.
Se é un traballo de creación fágoo no espazo do baixo, pois eu escribo os orixinais á man. É un lugar amplo, con moita luz, tranquilo. Convivo nel cunha morea de libros, cun ordenador case xubilado e con varias esculturas feitas por Manolo, o meu home.
Para o resto do traballo que a literatura esixe prefiro o segundo recuncho, este no que me vedes na imaxe, máis pequeno, arrodeada de máis libros, máis esculturas, cadros, fotografías, recordos… Ademais ten unha ventá na que case tocan as pólas varudas do carballo da horta, onde agora está pendurado o bambán de Aniña, a neta.
E logo onde está o problema?
Pois… que aínda tendo nos dous sitios material por duplicado, obrígame a subir e a baixar escaleiras varias veces ao día.
(Unha boa maneira de facer exercicio, agora que o penso. Daquela … non é tan malo!)”