Premio honorífico dos músicos para Dorothé Schubarth

Desde Sermos Galiza:
“Segundo a directiva de Músicos ao Vivo Schubarth é merecedora deste galardón “polas súas novidosas achegas metodolóxicas, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento do alcance do seu legado por parte da sociedade galega”. Recolleráo na gala de entrega dos IV Premios Martín Códax da Música, o vindeiro 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Hai case corenta anos chegaba a Galiza de vacacións Dorothé Schubarth. Alguén lle falara da riqueza do noso folclore, sen esquecer referirlle a pobreza característica do noso país. A viaxeira era autora de destacados traballos sobre a música popular europea e, movida pola vocación, comezou a buscar as escasas recompilacións que existían no noso país sobre o tema. Ante esa insuficiencia, non o dubidou e comezou un traballo de colleita que se iría ampliando e enleando até dar lugar, seis anos máis tarde, á publicación do Cancioneiro Popular Galego, a máis importante recompilación do noso folclore musical, coñecida como a biblia da música popular galega.
Dorothé Schubarth desempeñaba desde 1971 a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna, en Suíza. Desde este posto desenvolvera unha intensa tarefa de investigación da música popular europea, dedicándose especialmente á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así coma aos cancioneiros de Alemaña e de Francia. A partir deste material elaborou o volume O Canto Popular en Europa, que analizaba as formas que adoptaba a música do pobo ao longo do continente, e que foi publicado en 1978. Nese mesmo ano, chegou a Galiza e comezou a súa colleita segundo entrou no país, polo Cebreiro. Os seus coñecementos sobre a cultura musical galega e sobre a nosa lingua eran mínimos, e axiña se fixo evidente que precisaba de alguén para comprender os temas e transcribilos. Deste xeito entrou en contacto con Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega en Santiago de Compostela. (…)”